Etapa posdoutoral

Trala obtención do título de doutor iníciase unha nova etapa na carreira investigadora, xa sexa na industria ou nun centro de investigación.

No sector académico, os investigadores posdoutorais seguen especializándose na súa área de interese e posteriormente adquiren certa independencia, supervisando o seu propio equipo, até alcanzar a consolidación como profesores universitarios.

A incorporación de investigadores posdoutorais ao CiTIUS realízase habitualmente mediante contratos ou proxectos de investigación. No centro dispomos de ampla experiencia na preparación de solicitudes competitivas e podemos asesorarche na preparación da solicitude.

Se estás interesado en incorporarte ao noso centro como investigador posdoutoral, podes consultar as nosas liñas de investigación na sección de Programas Científicos. Tamén podes enviarnos un CV abreviado xunto a unha carta de motivación mediante o formulario dispoñible.

Os contratos posdoutorais divídense en dúas categorías, en función dos anos de experiencia do investigador. No caso dos recentemente doutorados, existen as seguintes posibilidades:

  • Programa Campus Vida: convocatoria anual da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC que ten por obxectivo a contratación dun investigador posdoutoral durante un período de 2 anos.
  • Marie Sklodowska-Curie Individual Fellowships (MSCA-IF): contratos europeos de 2 anos de duración destinados a novos doutores que desexen continuar a súa carreira investigadora nun país europeo diferente á súa residencia habitual.
  • Posdoutoral da Xunta de Galicia: contratos autonómicos de 3 anos de duración que consisten na realización dunha estadía no estranxeiro de 2 anos e un contrato de retorno dun ano en Galicia.
  • Juan de la Cierva: contratos estatais con dúas modalidades de 2 anos de duración cada unha. A modalidade “Formación” está destinada a doutorados recentes que complementarán a súa formación nun centro diferente ao que realizaron a súa formación predoutoral. A modalidade “Incorporación” está destinada a investigadores con cando menos 3 anos de experiencia posdoutoral.

Para os investigadores cunha traxectoria posdoutoral, tamén existen varias modalidades de contratos estatais e autonómicos:

  • Ramón y Cajal: contratos estatais de 5 anos de duración para investigadores posdoutorais con máis de 3 anos de experiencia, cunha axuda adicional para contratación de persoal e adquisición de equipamento.
  • Beatriz Galindo: convocatoria de reintegración para investigadores que desenvolveron a súa carreira investigadora no estranxeiro en dúas modalidades: até 7 anos de experiencia investigadora no estranxeiro e máis de 7 anos de experiencia investigadora no estranxeiro.
  • Programa Oportunius: destinado a investigadores que obtivesen un proxecto ERC e que desexen crear o seu grupo de investigación en Galicia.