Etapa predoutoral

Trala finalización do máster, os/as estudantes poden especializarse nunha área de investigación realizando unha tese de doutoramento que lles conducirá á obtención do título de Doutor/a.

A tese de doutoramento é un traballo de investigación de carácter orixinal no que se expón a procura dunha resposta a un problema científico, e cuxos resultados publícanse en revistas e congresos especializados. Ten unha duración aproximada de 3 anos a tempo completo ou de 5 anos en caso dunha dedicación a tempo parcial.

Procuramos continuamente recén graduados/as entusiastas, con interese pola ciencia e espírito de traballo en equipo. No CiTIUS poderán iniciar a súa carreira investigadora nun contorno altamente creativo e único, coa oportunidade de realizar estadías de investigación internacionais, unha oferta formativa especializada e a oportunidade de participar en xornadas de difusión e divulgación.

Temáticas de Tese Doutoral

Estas son algunhas das últimas temáticas propostas:

Podes consultar todas as temáticas de tese que actualmente propón o Centro.

Bolsas

Existen varias bolsas a nivel estatal e autonómico que permiten financiar a etapa predoutoral:

  • Contratos CiTIUS de inicio á investigación: apoio a investigadores/as ao comezo da súa tese de doutoramento mediante un contrato de investigación a tempo parcial, co obxectivo de cubrir o período entre a finalización do Máster e o inicio dunha bolsa predoutoral.
  • Apoio á Etapa Predoutoral da Xunta de Galicia: axudas autonómicas para a formación de doutores/as mediante o financiamento dun contrato de 3 anos que inclúe unha estadía de 3 meses no estranxeiro.
  • Formación de Profesorado Universitario (FPU): bolsas estatais para a formación de doutores/as mediante o financiamento dun contrato de 4 anos, coa posibilidade de participar en tarefas docentes, así como de realizar estadías de investigación en centros de prestixio internacional.
  • Formación de Persoal Investigador (FPI): bolsas estatais para investigadores/as predoutorais, vinculadas a un proxecto de investigación do Plan Nacional, cunha duración de 3 anos.
  • Doutorados industriais : bolsas estatais para o desenvolvemento dunha tese de doutoramento en colaboración cun socio industrial.
  • Proxectos de investigación e transferencia: desenvolvemento dunha tese de doutoramento asociada a un proxecto de investigación ou transferencia nos que participe o Centro.

Contacta con nós e asesorarémosche na preparación dunha solicitude.