Historia

O CiTIUS naceu no ano 2010 no marco da Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus Vida. O Campus Vida, cualificado como Campus de Excelencia Internacional polo Ministerio de Educación e Ciencia en 2009, especialízase en varios eixos complementarios das Ciencias da Vida.

De forma previa á súa constitución, os grupos cunha maior traxectoria investigadora no ámbito das TI na Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveron unha estratexia de fortalecemento e consolidación da súa actividade de I+D+i. No ano 2009 constituíron a Agrupación Estratéxica CiTIUS, xerme do Centro de Investigación, que foi recoñecida como unha das oito Agrupacións Estratéxicas do Programa de Consolidación e Estruturación da Xunta de Galicia nese mesmo ano.

Os investigadores que forman parte actualmente do CiTIUS foron seleccionados tras un proceso de adscrición temática validado pola Comisión Científica Externa do Centro durante o seu proceso de constitución, cunha composición maioritaria de investigadores provenientes da Agrupación Estratéxica CiTIUS. Neste momento, o CiTIUS conta con 32 investigadores adscritos pertencentes a un total de 6 grupos de investigación da USC: Grupo de Arquitectura de Computadores, Grupo de Sistemas Intelixentes, Grupo de Visión Artificial, Grupo de Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos, Grupo de Intelixencia Artificial Aplicada e Grupo de Gramática do Español.

O primeiro Plan Estratéxico do CiTIUS abarcou inicialmente o período 2011-2013. O seu principal labor foi a creación e desenvolvemento do Centro, das súas estruturas de xestión e investigación, da súa programación científica, dos procesos que organizan a súa actividade, das estratexias de procura de financiamento e das canles de comunicación co contorno socioeconómico. Este primeiro plan excedeu, pola súa ambición, a marxe temporal concedida para o seu cumprimento, motivo polo cal ampliouse a súa vixencia até o ano 2015.

Actualmente, o CiTIUS está en proceso de execución do seu segundo Plan Estratéxico (2016-2018); este plan ten por obxecto a creación das condicións adecuadas para a realización dunha investigación na fronteira do coñecemento, da máxima ambición e con aspiración a xerar o maior impacto dende os puntos de vista científico, tecnolóxico e social. Ponse o foco no persoal científico do Centro en todas as súas categorías, para estimular a súa creatividade, o seu liderado e o seu desenvolvemento profesional.

Dende decembro de 2016, o CiTIUS forma parte das sete entidades acreditadas no Programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia.