Laboratorios

O CiTIUS conta con tres laboratorios de experimentación equipados con infraestruturas específicas.

Laboratorio de robótica

Este laboratorio está acondicionado para a investigación e experimentación con robots autónomos. Dispón de 97m2 e un sistema de localización con cámaras que permite coñecer de forma precisa a posición dos robots.

Actualmente o centro dispón de 5 robots autónomos (4 Pioneer e 1 Robosoft), estando 2 de eles habilitados para operar en exteriores. Tamén dispoñemos dun robot humanoide (Nao). Os robots están equipados con sensores de contacto, ultrasons, escáner láser, infravermellos. Adicionalmente, tamén se dispón de equipamento de sensorización para os robots: cámaras de visión, unha cabeza estereoscópica, un sistema de eye-tracking e sensores Kinect.

Laboratorio de contidos dixitais

Este laboratorio está acondicionado para a experimentación na interacción persoa-computadora, en animación 3D e en prototipos de contornos de realidade virtual e realidade aumentada. A infraestrutura máis singular deste laboratorio é o sistema inmersivo de realidade virtual CAVE (Cave Automatic Virtual Environment), cunha pantalla e solo, un sistema de captura de movemento e unha estación de rendering.

Adicionalmente, tamén se dispón de diversos dispositivos de interacción e equipos de altas prestacións para o desenvolvemento de prototipos de videoxogos e interfaces con realidade aumentada, con recoñecemento de emocións faciais e corporais.

Laboratorio de tecnoloxías de inmersión (Living Lab)

O propio CiTIUS concíbese como un laboratorio para a experimentación na inmersión de persoas nun contorno intelixente. No Centro instalouse unha rede inalámbrica de sensores (WSN, Wireless sensor Network) con diferentes tipos de sensores ambientais, como por exemplo de temperatura, humidade, infravermellos, luminosidade, etc.