María José Carreira Nouche

PROFESORA TITULAR

Bio

Son profesora titular de universidade da Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial (CCIA) na Universidade de Santiago de Compostela (USC) dende 2001. Entre os anos 2008 e 2012 fun subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE). Dende febreiro de 2015 ata xullo de 2017 fun adxunta ao Vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC. Dende xullo de 2017 ata xuño de 2018 fun comisionada para gobernanza TIC e estratexia de titulacións da USC. Na actualidade son coordinadora da área de CCIA. 

Participei en 30 proxectos de I+D+i, contratos con empresas e actividades de estruturación da investigación. En seis destas actividades fun investigadora principal, e nove delas foron contratos/proxectos con empresas. Toda a miña actividade resúmese en máis de 90 traballos científicos. 

A miña investigación está centrada no eido do procesado intelixente de imaxe médica, comezando no campo da radiografía de tórax na miña tese de doutoramento e posteriormente antes da miña incorporación ao CiTIUS no campo da oftalmoloxía. O obxectivo desta liña de investigación foi o establecemento de novos valores diagnóstico con grande incidencia en enfermidades crónicas como hipertensión, diabetes e enfermidades cardiovasculares e cerebrovasculares. Esta liña de investigación deu lugar a dúas patentes USA e ao software SIRIUS. Despois da miña incorporación ao CiTIUS, traballei en aplicacións na oncoloxía e neuroloxía, colaborando con especialistas de ambas liñas. No campo da oncoloxía, desenvolvemos unha metodoloxía para a análise 2D e 3D da evolución de liñas de cancro en peixe cebra, publicando o software ZFTool. No campo da neuroloxía, desenvolvemos o software ICBrain para a medición automática de volumes de tumores en ratas a partir de imaxes de resonancia. 

Actualmente estou traballando nos campos da Odontoloxía e a Bioinformática. En odontoloxía desenvolvemos Dentius_Plaque e Dentius_Biofilm, dúas metodoloxías para a extracción e medición obxectiva de placa bacteriana a nivel macro (plaque) e microscópico (biofilm), así como Dentius_Age para o cálculo da idade dentaria a partir de radiografías dentais panorámicas utilizando técnicas de aprendizaxe profunda. En bioinformática estamos traballando no desenvolvemento de PrimerEvalPy, un paquete para a avaliación de primers para análise do microbioma oral, e MicroMetaEvaluator, un paquete para a avaliación de targets xenómicos en comunidades microbianas para o avance na metaxenómica clínica utilizando técnicas de aprendizaxe automática.

Contacto

E-mail: mariajose.carreira [at] usc.es
Espazo: Despacho 108
Teléfono: +34 8818 16431
Identificadores de investigación: