Senén Barro Ameneiro

CATEDRÁTICO DE UNIVERSIDADE

Bio

Obtiven os graos de licenciado e doutor (premio extraordinario) en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1985 e 1988, respectivamente. Son catedrático da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial dende 1995 e fun director do Departamento de Electrónica e Computación da USC dende 1993 ata xuño de 2002.

Entre 2002 e 2010 fun reitor da Universidade de Santiago de Compostela, tempo no que promovín a internacionalización e a aposta emprendedora da USC, conseguíndose o recoñecemento como Campus de Excelencia Internacional para o proxecto do Campus Vida, obtido na primeira convocatoria deste tipo en España, celebrada en 2009. Dende maio de 2008 son presidente de RedEmprendia, unha Rede Universitaria Iberoamericana de Incubación de Empresas que conta con 20 universidades iberoamericanas asociadas, ademais do portal Universia e o Banco Santander.

Presidín o grupo de TIC da Conferencia de Reitores de Universidades de España (CRUE) dende xuño de 2003 ata outubro de 2005. Incorporeime ao Comité Permanente da CRUE en maio de 2005 e en maio de 2008 fun nomeado vicepresidente da CRUE, cargo que ocupei ata xuño de 2010.

Fundei e dirixín o Grupo de Sistemas Intelixentes, que conta na actualidade con 40 membros e é, de acordo con indicadores bibliométricos, o primeiro grupo de Intelixencia Artificial de Galicia e un dos primeiros de España. O devandito grupo orienta a súa investigación a múltiples campos (procesamento de sinais, sistemas baseados en coñecemento, robótica móbil, sistemas borrosos intelixentes, aprendizaxe en máquina, intelixencia na Internet e computación neuronal).

Son autor/editor de sete libros -o último titulado "+Universidad -Especulación", autor de máis de 300 artigos científicos e membro dos comités científicos e editoriais de numerosos congresos e revistas de ámbito internacional. Tamén fun vogal da "Asociación Española para las Tecnologías y Lógica Fuzzy" e da "European Society for Fuzzy Logic And Technology" entre 1996 e 1999. Ademais, fun membro do Comité Científico do "European Center for SoftComputing" dende setembro de 2005 a outubro de 2009.

Realicei estadías de investigación en diversas universidades estranxeiras, entre elas: Universidade de South Florida, EE.UU (Department of Computer Science and Engineering); Universidade de California, en Berkeley, EE.UU (Department of Electrical Engineering and Computer Sciences); e na Universidade de Bristol, Reino Unido (Department of Engineering Mathematics).

Contacto

E-mail: senen.barro [at] usc.es
Espazo: Despacho 213
Teléfono: +34 8818 16469
Identificadores de investigación:
Redes sociais: