Intelixencia de negocio e na web

Este Programa Científico está centrado en métodos e técnicas da Intelixencia Artificial e as Tecnoloxías da Información que dan soporte a unha mellor e máis informada toma de decisións tanto no ámbito corporativo como da web. Por unha banda, a intelixencia de negocio proporciona tecnoloxías, procesos e aplicacións para a análise, extracción, procesado e representación da información e dos procesos estratéxicos para unha empresa ou institución. Por outra banda, no ámbito da web perseguimos a creación de aplicacións informáticas innovadoras que procesen os contidos da web facendo uso de técnicas intelixentes que proporcionen un valor engadido ao usuario en diversos ámbitos.

Para elo, este programa suscita investigar nas áreas de representación e anotación semántica, recuperación e extracción de información conceptual, adaptación e recomendación ao usuario, minería na web, computación de servizos, os fluxos de traballo e a minería de procesos, e todas as posibles aplicacións destas tecnoloxías á mellora da xestión de procesos e a toma de decisións nas organizacións.

Obxectivos científicos

  • Extracción e representación do coñecemento para o apoio á toma de decisións a partires de grandes volumes de datos, que poden conter información espazo-temporal.
  • Representación, descubrimento e composición de procesos e servizos.
  • Rastrexo, procura, clasificación, agrupamento e organización de documentos estratéxicos na actividade empresarial.
  • Minería de datos, aprendizaxe automática, recuperación de información, procesamento da linguaxe natural e tecnoloxía semántica para dar soporte aos obxectivos científicos descritos anteriormente e, en xeral, para a mellora dos procesos, a optimización da produción, a eficacia na xestión e a toma de decisións informada.
  • Usar técnicas de procesamento de linguaxe natural para estruturar a información textual da Web e representar o seu contido en forma de relacións semánticas superficiais.
  • Técnicas intelixentes para a anotación semántica e a publicación como datos enlazados de contidos estruturados e non estruturados.
  • Algoritmos e estratexias de recomendación baseándose nas preferencias e no comportamento colectivo dos usuarios.
  • Métodos innovadores de minería orientados aos medios sociais na web.
  • Adaptar as tecnoloxías actuais de recuperación de información e de computación baseada en servizos para a xeración e explotación eficiente de infraestruturas de datos espaciais (IDEs).

Obxectivos tecnolóxicos

  • Desenvolvemento dun motor dinámico para a execución na nube de fluxos de traballo adaptado a distintos dominios de aplicación.
  • Desenvolvemento de software de minería de procesos para o descubrimento e avaliación de fluxos de traballo en diferentes dominios de aplicación.
  • Desenvolvemento de software para a composición automática de servizos.
  • Desenvolvemento de librerías de integración de datos heteroxéneos a nivel semántico.
  • Ferramentas de apoio ao desenvolvemento de Sistemas de Información Xeográfica en Web, que exploten os servizos proporcionados polas Infraestruturas de Datos Espaciais (IDEs).
  • Servizos de planificación de procesos para a optimización da actividade corporativa o industrial.
  • Librerías de estimación de tempos de desenvolvemento asociados á actividade corporativa o industrial.
  • Ferramentas para a extracción automática da semántica superficial de grandes cantidades de documentos textuais da Web.
  • Ferramentas de monitorización sobre medios sociais na web, que utilizando técnicas de procura e aprendizaxe automático proporcionen servizos de análise de impacto, reputación e sentimentos.