PPIAS: MODELOS DE LINGUAXE PROBABILISTICOS PARA RANKINGS PERSONALIZADOS EN SISTEMAS DE ACCESO Á INFORMACIÓN

PPIAS: MODELOS DE LINGUAXE PROBABILISTICOS PARA RANKINGS PERSONALIZADOS EN SISTEMAS DE ACCESO Á INFORMACIÓN

Descrición

Os Sistemas de Recomendación (SR) teñen como obxectivo, dado un conxunto de usuarios, un conxunto de ítems e un conxunto de valoracións de usuarios a ítems, xerar recomendacións personalizadas de ítems a usuarios. Tradicionalmente, os SR poden explotar tanto a información de interacción pasada de usuarios e produtos como a información de contido dos mesmos para xerar novas suxestións para os usuarios. Estes sistemas demostráronse claves á hora de facilitar o acceso a información, produtos e servizos.

Neste proxecto queremos avanzar no estado da arte, propondo novos modelos de recomendación que, cunha sólida base formal probabilística, axuden a aumentar e mellorar as vendas de produtos e a satisfacción dos compradores. Estes modelos e a súa translación a dominios e casos de uso real do tecido empresarial contribuirán, grazas á calidade das súas recomendacións, ao desenvolvemento da economía dixital.

Obxectivos

Unha área de investigación en auxe é a translación de aproximacións clásicas de Recuperación de Información ao problema de Recomendación. En particular, neste proxecto propomos a investigación en Modelos de Linguaxe probabilísticos para o problema de recomendación de ítems. Recentemente, expuxemos as primeiras formalizacións conseguindo modelos de alta eficacia. Dada a experiencia positiva previa, queremos estender a capacidade de predición destes modelos máis aló do filtrado colaborativo, tendo en conta novas estimacións e modelos que inclúan e integren a información de contido de diversa natureza e capturando información contextual e temporal. Ademais, propomos a integración de técnicas de optimización bayesiana para ter modelos que non só xeren suxestións de produtos personalizadas, senón que tamén as xeren de maneira personalizada, adaptando os propios modelos de recomendación ás particularidades dos usuarios. Todos estes obxectivos están constreñidos por un obxectivo básico común que é transversal: a eficiencia, escalabilidade e robustez dos devanditos métodos de cara á súa translación a aplicacións reais no tecido produtivo.

Investigadores

    • Proxecto de
    • Information Retrieval Lab (IRLab), Universidade da Coruña
    • Investigador principal externo
    • Álvaro Barreiro García