Emprendelab: «España 3.0: o ecosistema emprendedor en España».

Data: 
luns, 11 marzo, 2013 - 13:00
Lugar: 
Salón de actos do CiTIUS
Poñente(s): 
Javier Santiso (Director de «Global Affairs & New Ventures» en Telefónica)

Emprendelab, o ciclo de conferencias e obradoiros sobre emprendemento organizado polo CiTIUS, recibirá o próximo luns a visita dun experto en economía internacional. Javier Santiso, Director de Global Affairs & New Ventures en Telefónica (Asuntos Mundiales & Novas Empresas) falará sobre o futuro do emprendemento en España, ó longo dun relatorio que terá lugar no salón de actos do centro o vindeiro luns, 11 de marzo.

Santiso é fundador de Start Up Spain, unha iniciativa privada posta en marcha co fin de desenvolver novas vías de financiamento para as start-ups españolas. Avalada polo éxito de programas similares como Start Up Chile, ou Start Up America, Start Up Spain dispón xa dun primeiro programa consistente en axudar a investidores tradicionais na monitorización e avaliación de proxectos de internet nas etapas iniciais, asesorándoos para que estes poidan gañar en valor engadido.

A xuízo do poñente, o país vive un momento crucial: «España afronta importantes retos: as taxas de paro, en particular o desemprego xuvenil, son inaceptables, e teñen un efecto demoledor sobre toda unha xeración». Neste contexto, Santiso considera que é fundamental apostar pola innovación, e contribuír á construción dunha mentalidade máis emprendedora. «Europa en xeral, e España en particular, deben crear os estímulos precisos para que poida establecerse un modelo de crecemento sustentable, de cara a xeracións futuras».

Malia todo, Santiso conclúe que hai razóns para ser optimistas: «España non é o pesadelo que pintan os titulares, hai que destruír os mitos e aproveitar as oportunidades que nos ofrece este entorno adverso, para fortalecer o ecosistema emprendedor e convertermos nun país de creación, innovación e emprendemento».

Prestixio a nivel mundial

Javier Santiso foi director do Centro de Desenvolvemento da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) entre os anos 2007 e 2010, un organismo creado para promover o diálogo sobre cuestións como o financiamento ó desenvolvemento e a contribución privada neste eido. No ano 2009 foi recoñecido como YGL (Young Global Leader,  Novos Líderes Globais), polo Foro Económico Mundial de Davos.