Emprendelab: «Mamá: quero ser emprendedor! Pero fillo, non será mellor ser funcionario?»

Data: 
venres, 22 marzo, 2013 - 12:30
Lugar: 
Salón de actos do CiTIUS
Poñente(s): 
Pablo Peláez (Director Executivo da compañía «Plain Concepts»)

«Mamá: quero ser emprendedor! Pero fillo, non será mellor ser funcionario?». Con este arriscado título dará comezo a nova sesión do laboratorio EmprendeLab -prevista para este venres no salón de actos do CiTIUS-, na que se abordará a realidade do emprendemento dende unha perspectiva práctica e desenfadada coa visita do director executivo da empresa Plain Concepts, Pablo Peláez.  

Plain Concepts, unha compañía española con preto de 60 empregados, dispón de oficinas en Seattle, Madrid e Bilbao, e está especializada en áreas como tecnoloxías Microsoft, computación na nube (cloud computing), arquitectura software, consultoría, mecenado (mentoring) ou formación -entre outras-.

A conferencia pretende formular con certas doses de humor o que realmente significa apostar polo emprendemento, desmontando os clixés asociados á figura do emprendedor que non adoitan corresponderse coa realidade; conceptos coma «diñeiro», «fama» ou «poder», darán lugar a outros máis realistas, como as dificultades cotiás ou o medo ao fracaso.
 
Non obstante, o obxectivo final da charla será demostrar que é posible ter éxito na tarefa do emprendemento. Peláez considera importante destacar que, se ben nalgúns casos un proxecto pode fracasar, a experiencia de emprender sempre paga a pena. Esta é a principal razón pola que o conferenciante aspira a presentar unha exposición amena e divertida, centrando os seus esforzos en dar esperanza a todos aqueles mozos que desexen apostar polo camiño do emprendemento como obxectivo vital.
 
Con todo, Peláez é consciente das dificultades que carrexa o labor de emprender, afirmando que se trata dun esforzo con escaso recoñecemento social. Por iso, intentará apoiarse nas situacións e experiencias que foi afrontando como emprendedor, para tratar de adiantarse aos erros máis frecuentes. En opinión do director de Plain Concepts, «hai moi poucos Mark Zuckerberg ou Bill Gates, e moitos emprendedores que non tiveron éxito; pero todos teñen algo en común que os diferencia do resto: intentárono».