«Inside the Lab»: IV Xornadas de Demostración Tecnolóxica do CiTIUS

Data: 
venres, 6 xullo, 2018 -
10:00 - 14:00
Lugar: 
CiTIUS
Poñente(s): 
Idioma: 
Múltiples idiomas (ver descrición)
Streaming: 
Non

O CiTIUS convoca por cuarto ano consecutivo a representantes da industria e o sector público á xornada de portas abertas 'Inside the Lab', un encontro concibido para poñer en valor perante os diferentes actores sociais os últimos avances de investigación desenvolvidos no centro.

O vindeiro venres 6 de xullo as instalacións do CiTIUS acollerán a xornada Inside the lab 4, unha nova edición do encontro global co mundo da empresa e as administracións públicas que cada verán regresa ao centro. Tralo éxito de participación de edicións anteriories (preto de cen asistentes e 60 organizacións en 2017), os científicos confían en atraer de novo ao público máis especializado para seren quen de trasladarlle as vantaxes competitivas dos seus resultados de investigación.

Durante toda a mañá, os asistentes terán a oportunidade de descubrir unhas tecnoloxías que contan xa cun grao óptimo de innovación e madurez, o que as converte en candidatas ideais para ser transferidas. Entre as 10:00 e as 14:00, distintos puntos de información repartidos polo centro destacarán algunhas das múltiples aplicacións coas que contan estes sistemas, tanto a nivel social como industrial.

Á xornada asistirán tamén responsables das dúas spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade nas tecnoloxías de xeoposicionamiento en interiores, e Imagames, orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversos dominios como a formación de empregados, as técnicas de e-learning (aprendizaxe virtual), ou a mercadotecnia dixital.

As persoas interesadas en participar neste encontro deberán cubrir antes do xoves 5 de xullo o formulario de inscrición na web oficial do evento.