IV Xornada TELGalicia

A rede de investigación galega sobre e-learning RedeTELGalicia celebrará o vindeiro luns 6 de maio, no salón de actos do CiTIUS, a IV Edición das Xornadas TELGalicia. O acto dará comezo ás 9:30, cunha conferencia sobre calidade nas aulas impartida por Inmaculada Plaza, profesora titular da Universidade de Zaragoza («Calidad en las aulas: ¿realidad o utopía?»).

Nesta primeira quenda presentarase a evolución do concepto «calidade», procedente do mundo empresarial e incorporado ó ámbito universitario nos últimos anos. O novo marco normativo que rexe o sistema universitario fixou a calidade como factor estratéxico, convidando ós docentes a sumarse a esta filosofía. No relatorio abordaranse as dificultades de aplicación deste concepto no día a día da vida académica e científica, citando exemplos prácticos que faciliten a súa implementación en aulas e laboratorios.

A xornada completarase cunha intervención de Davinia Hernández Leo, profesora do Departamento de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Na súa ponencia («TIC para el profesor como (co-)diseñador y (co-)orquestador de actividades de aprendizaje»), Hernández Leo salientará o rol das TIC á hora de facilitar as distintas tarefas do profesorado, ofrecendo unha visión global das ferramentas que permiten ós docentes traballar en comunidade, así como programar actividades con alumnos sobre contornas virtuais. O seu relatorio concluirá cunha demostración práctica, procurando a interacción dos asistentes coa ferramenta que permite ós profesores deseñar e compartir estas actividades de aprendizaxe.

RedeTELGalicia é froito do interese de varios grupos de investigación europeos na aplicación de novas prácticas pedagóxicas no eido educativo, principalmente no marco de primaria e secundaria. O seu obxectivo esencial é contribuír a mellorar o ensino a través da innovación, con novos métodos pedagóxicos que inclúan o aproveitamento das novas tecnoloxías (pizarras dixitais, tablets, etc.)

A organización lembra que o aforo é limitado. Os interesados en asistir a esta xornada poden enviar un correo electrónico con nome e apelidos a redetelgalicia@gmail.com antes do venres 2 de maio.