O futuro da Intelixencia Artificial, a debate

Data: 
martes, 10 xullo, 2018 -
10:00 - 20:00
Lugar: 
Salón de Actos do CiTIUS
Poñente(s): 
Idioma: 
Castelán
Streaming: 
Non

O CiTIUS celebrará o próximo 10 de xullo unha xornada de divulgación aberta ao público onde se abordarán os límites, desafíos e complexidades que expón o crecente protagonismo da Intelixencia Artificial no tecido socioeconómico, para fomentar a reflexión e o debate entre os participantes.

Saúde, automoción, finanzas, emprego, publicidade, industria, Internet… Son só algúns dos eidos onde a Intelixencia Artificial (IA) presenta xa numerosas aplicacións na nosa vida diaria, aínda que co rápido desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía a súa implantación será moito maior nos vindeiros anos.

A capacidade das máquinas para resolver problemas da súa contorna de forma razoada e autónoma, imitando o comportamento dos seres humanos, abre un interesante e necesario debate sobre o marco legal apropiado para o seu desenvolvemento e funcionamento, así como os seus límites tecnolóxicos e éticos. Os seus evidentes beneficios son incuestionables: coches autónomos, cirurxías robóticas ou dispositivos que recoñecen e interpretan voces e imaxes teñen demostrado xa a súa utilidade. Con todo, outras visións menos optimistas temen que a Intelixencia Artificial, capaz de “pensar” e aprender por si mesma, acabe por substituír o labor do ser humano e escape ao seu control, en lugar de converterse nunha ferramenta de colaboración que aumente as súas capacidades.

Neste contexto de efervescencia tecnolóxica, o CiTIUS promoverá o próximo 10 de xullo a xornada ‘O futuro da Intelixencia Artificial, a debate’, na que especialistas de universidades, empresas e outras institucións discutirán sobre o impacto e os límites da Intelixencia Artificial no marco dun encontro monográfico e divulgativo que durará todo o día. Os debates terán lugar no salón de actos do CiTIUS ao redor de dúas mesas redondas: tras unha sesión de mañá con representantes do sector empresarial, que porán o foco nas aplicacións industriais, a quenda de tarde reunirá a científicos expertos na materia. A entrada será gratuíta, con capacidade limitada.

Área estratéxica para a UE

A proliferación das técnicas de IA é tal que o desenvolvemento desta área xa entrou na axenda política das altas institucións comunitarias. Recentemente , a Unión Europea incluía no seu novo Programa Marco de investigación e Innovación para o período 2021-2027, ‘Horizon Europe’ un programa complementario centrado nas TIC, o ‘Dixital Europe Programme’, onde a Intelixencia Artificial ocupará unha das cinco áreas destacadas ao ser considerada como unha das tecnoloxías máis prometedoras para facer fronte aos desafíos sociais e contribuír ao crecemento económico nos próximos anos.

PROGRAMA

10:00 Presentación da Xornada: Paulo Félix, director do CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela)

10:10 Mesa redonda: Impacto socioeconómico da Intelixencia Artificial: ata onde somos quen de ver

Modera: Antonio Bahamonde, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Oviedo.

Relatores:

16:00 Mesa redonda: Ten límites a Intelixencia Artificial? Hai que poñerllos?

Modera: Senén Barro, investigador do CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela)

Relatores:

  • Enric Trillas Ruiz, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e presidente honorífico do European Centre for Soft Computing (ECSC).
  • Óscar Cordón García, catedrático da Universidade de Granada (URG) e vicepresidente da Delegación para a Universidade Dixital da UGR.
  • Ramón López de Mántaras , director do Institut d’Investigació en Intel·ligència  Artificial (IIIA-CSIC).