Presentación da aceleradora «Lanzadera»

Data: 
venres, 16 xaneiro, 2015 -
10:30 - 11:30
Lugar: 
Salón de Actos
Poñente(s): 
Javier Jiménez Marco (Director Xeral de Lanzadera)
Idioma: 
Castelán
Streaming: 
Non

O CiTIUS recibirá este venres a visita do Director Xeral de LANZADERA, a aceleradora de transferencia destinada a apoiar o emprendemento impulsada polo empresario Juan Roig, presidente da compañía Mercadona. Ao longo dunha charla de aproximadamente unha hora de duración, Javier Jiménez Marco explicará o «Modelo de Calidade Total», un paradigma que revolucionou o mundo empresarial da distribución, e que dende hai anos se está a aplicar nas empresas que contaron co apoio de LANZADERA.

A conferencia, organizada en colaboración co Grupo de Desenvolvedores de Google en Compostela (GDG - Santiago), será de acceso libre ao público en xeral e servirá para explicar en detalle o proceso de selección, así como as características máis valoradas pola plataforma para a nova convocatoria de proxectos, á que será posible presentar ideas emprendedoras durante todo o mes de febreiro de 2015.

Transformar soños en realidades, ideas en empresas

A iniciativa LANZADERA naceu para apoiar líderes emprendedores no seu labor de crear empresas eficientes, que acheguen valor e implanten un modelo empresarial sólido baseado no traballo produtivo, o esforzo e o liderado. O equipo de LANZADERA centra os seus esforzos en traballar cos emprendedores, axudándoos a identificar as súas necesidades e poñendo os medios para que reciban a formación que poida achegar valor ao seu proxecto.

As empresas seleccionadas poderanse beneficiar do financiamento en préstamo que ofrece LANZADERA, ata un máximo acumulado de 200.000 €, e do soporte e servizos ofrecidos polo programa nas súas instalacións en Valencia.