Presentación da spin-off «Cilenis»

Data: 
venres, 30 xaneiro, 2015 - 12:00
Lugar: 
Semisoto - área común
Poñente(s): 
Isaac González (CEO e Co-fundador de Cilenis)
Idioma: 
Galego
Streaming: 
Non

Cilenis, a spin-off do CiTIUS especializada en tecnoloxías da linguaxe, presentarase oficialmente no centro o vindeiro venres, 30 de xaneiro. Cilenis é unha empresa que inclúe no seu catálogo diversas ferramentas lingüísticas, que abranguen dende analizadores de sentimentos ata recoñecedores de entidades e conxugadoresen diferentes idiomas, como o galego, o español, o portugués e o inglés. A compañía iniciou a súa actividade en 2011 como spin-off universitaria, cunha cualificación de IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) concedida pola Xunta de Galicia, gañando nese mesmo ano o Primeiro Premio como Proxecto Empresarial Innovador. En 2012, o empresario e analista económico Marc Vidal converteuse en socio de Cilenis, adquirindo parte da compañía a través da empresa IDODI Labs.

No ano 2014, a empresa lanzou o portal de ferramentas lingüísticas Linguakit, que ofrece ao gran público os últimos avances en tecnoloxía lingüística. O seu proxecto estrela é Avalingua, un software de corrección automática que permite avaliar o nivel lingüístico de documentos escritos, e que foi galardoado coa Mención de Honra noMIT Building Global Innovators 2013. Avalingua ten múltiples aplicacións, entre as que cómpre salientar a aprendizaxe de idiomas.

Sobre o relator

Isaac González é Enxeñeiro Informático pola UdC, e MBA pola USC. Tras varios anos como investigador no eido de Procesamento da Linguaxe Natural formando parte da liña ProLNat, dirixida polo investigador do CiTIUS Pablo Gamallo, traballou como enxeñeiro de software na empresa holandesa Iqnomy. Desde o ano 2013, dirixe a empresa Cilenis.