Presentación da spin-off «Situm Technologies»

Data: 
venres, 24 abril, 2015 -
12:00 - 13:30
Lugar: 
Semisótano - área común
Poñente(s): 
Cristina Gamallo, Víctor Álvarez y Adrián Canedo (Socios fundadores de «Situm Technologies»)
Idioma: 
Por confirmar
Streaming: 
Non

O CiTIUS presenta oficialmente «Situm Technologies», a startup galega dedicada ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización en interiores. Os fundadores da compañía, que o pasado 4 de febreiro formalizaban coa USC o acordo oficial que converte a esta empresa nunha nova spin-off do centro, exporán ante os asistentes as liñas mestras da súa estratexia comercial, os seus obxectivos, e os éxitos obtidos pola empresa ata o de agora

Continuando coa estratexia de difusión de resultados de transferencia emprendida polo centro nos últimos meses, cuxo primeiro episodio protagonizou Cilenis, coa súa presentación ante os medios e as empresas do sector, a zona común do semisoto do CiTIUS volverá acoller o próximo venres, 24 de abril, a inauguración dunha nova spin-off fundada por investigadores do centro: «Situm Technologies», un ambicioso proxecto baseado en técnicas de xeolocalización sobre dispositivos móbiles que promete revolucionar o mundo das tecnoloxías de posicionamento en interiores.

Fundada en febreiro de 2014, Situm adquire só tres meses máis tarde a cualificación de IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) que concede a Xunta de Galicia, comezando a súa actividade profesional en xullo do mesmo ano coa posta en marcha de varios proxectos pilotos. Dende entón obtivo numerosos recoñecementos, como o Primeiro Premio Nacional na V Edición de YUZZ, o Primeiro Premio na I Edición de Galicia Open Future ou o Premio Smart Ideas do proxecto SmartCity da Coruña, ademais de figurar entre os gañadores do Elevator Pitch Singularity University, consolidándose así como unha das tres startups españolas con maior potencial no ámbito dos smartphones e a mobilidade en pouco máis de seis meses.

A empresa conta co apoio do fondo de investimento UNIRISCO, e actualmente proporciona xa a súa tecnoloxía de localización en interiores a Telefónica, no marco dun concurso público para o desenvolvemento dunha app que se integrará en 22 edificios do Sergas. Así mesmo, traballa noutros grandes proxectos en paralelo, co obxectivo de introducir a súa tecnoloxía tanto no ámbito estatal como no estranxeiro.

Coñecendo Situm da man dos seus fundadores

A presentación oficial desta innovadora spin-off correrá a cargo dos seus socios fundadores, tres mozos que se coñeceron durante a súa etapa predoutoral, mentres desenvolvían as súas teses no CiTIUS: Cristina Gamallo, Víctor Álvarez e Adrián Canedo. Cristina (1978) e Víctor (1987) son enxeñeiros informáticos e doutores en Tecnoloxías da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, namentres Adrián (1986), Enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, está a piques de defender a súa tese no centro.

Os seus coñecementos técnicos, así como unha clara vocación de emprendemento, axudáronlles a identificar durante a súa etapa no CiTIUS as oportunidades de negocio que brindaba a creación dunha tecnoloxía multisensorial de localización e navegación, que permite localizar un dispositivo móbil (smartphone ou wearable) nunha gran superficie. Un sector incipiente pouco explorado ata a aparición de Situm, con mútliples posibilidades que abranguen dende a navegación e localización dun produto nun hipermercado ata a creación dunha ruta personalizada coa opción de obter información adicional, por exemplo, nun museo (entre moitas outras aplicacións).

Tecnoloxías de vangarda das que cómpre salientar tamén o seu compoñente social, xa que os seus interfaces teñen en conta ás persoas con algún tipo de discapacidade visual, incluíndo audioguías de cara á súa correcta utilización por parte deste colectivo.