Presentación: 'ENIA: Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial'

Data: 
mércores, 17 febreiro, 2021 -
10:00 - 11:30
Lugar: 
Evento virtual
Poñente(s): 
Carme Artigas Brugal (Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial)
Idioma: 
Castelán

Carme Artigas Brugal, Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, presentará o vindeiro mércores 17 de febreiro a nova ‘ENIA’ (Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial) ao longo dun evento en liña organizado no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela).

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) será escenario de presentación da nova Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA) o vindeiro mércores, unha iniciativa anunciada en decembro polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que conta cun investimento público de 600 millóns de euros para o período 2021-2023 e constitúe unha das propostas fundamentais do Plan España Dixital 2025, lanzado o pasado mes de xullo.

Ao longo dun acto dixital de aproximadamente unha hora de duración, a Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (IA), Carme Artigas, debullará os detalles desta nova estratexia, que ten como obxectivo aliñar as políticas nacionais destinadas a fomentar o desenvolvemento e o uso da IA en España. Entre as accións programadas para alcanzar esta meta, o Goberno ten previsto aumentar o investimento, reforzar a excelencia en tecnoloxías e aplicacións de IA, e fortalecer a colaboración entre o sector público e privado, de tal xeito que se produza un impacto significativo na sociedade e a economía española.

A nova estratexia pretende ser un punto de encontro entre as demandas de tódalas partes interesadas, conciliando as inquietudes da comunidade científica, a industria, a sociedade civil e as comunidades máis vulnerables, pero sobre todo busca comprender e previr as implicacións que expón a rápida introdución da Intelixencia Artificial en ámbitos sociais básicos.

No acto de presentación, que terá lugar a través da plataforma Zoom o vindeiro mércores 17 de febreiro ás 10:00, a Secretaria de Estado estará acompañada por D. Antonio López, Excelentísimo Reitor da Universidade de Santiago, e o catedrático de Intelixencia Artificial Senén Barro, Director Científico do CiTIUS.

Acceso ZOOM - ACCESO YOUTUBE