Teimas: odisea emprendedora no mar dos refugallos

Data: 
xoves, 23 maio, 2019 -
12:00 - 13:30
Lugar: 
Salón de Actos do CiTIUS
Poñente(s): 
Miguel Varela (TEIMAS)
Idioma: 
Por confirmar
Streaming: 
Por confirmar

Moita xente ao rematar os seus estudos considera que as únicas saídas laborais pasan por traballar para terceiros, ou ben para o sector público (goberno autonómico, estatal, universidades etc.) ou para o sector privado, empresas de todo tipo e tamaño. Por outra banda, a tremenda revolución das tecnoloxías da información facilita a procura de información, conecta persoas e achéganos a mercados que fai 20 anos serían inabordables. 
Nesta charla quero falar do emprendemento [innovador] como unha saída laboral máis que hai que valorar e ter presente do mesmo xeito que as outras. Ø LIXO: aquí non vas atopar palabrería sen fundamento e mensaxes estilo Paulo Coelho. Comentaremos con retranca e un estilo algo punk/perralleiro as vivencias da travesía emprendedora que segue o seu curso logo de dez anos.

 

Bio:


Enxeñeiro Informático de formación, andiven por Londres ao remata-la carreira e traballei durante un par de anos como investigador na Facultade de Informática da UDC, desenvolvendo o meu traballo no eido da intelixencia artificial, redes de neuronios e computación evolutiva. Cedo decateime de que iso non era para min, polo que percorrín vieiros máis "clásicos" traballando para o Goberno Autonómico a soldo dunha empresa desas grandes en volume. Cú de mal asento, pouco a pouco foi agromando unha teima no meu interior que deu lugar, fai máis de dez anos, á miña empresa, Teimas Desenvolvemento.  
Teimas é unha empresa tecnolóxica galega cuxa peculiaridade principal é o nicho ao que se dirixe: Teimas está especializada en fabricar productos software cloud para o sector da reciclaxe, a xestión de residuos e a economía circular. Responsable de Teixo, software empresarial para xestores de residuos con maior cota de mercado a nivel estatal; ZERØ, a ferramenta estratéxica para desenvolver e medir políticas de circularidade corporativa; e Tropa Verde, plataforma que aplica técnicas de xogo (gaming) para premiar aos cidadáns responsables medioambientalmente.