11 demostradores tecnolóxicos e 3 spin-offs esperan á industria e organizacións na sexta edición de ‘Inside the Lab’ no CiTIUS

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago celebrará o vindeiro venres 27 de novembro un novo ‘Inside the Lab’, a xornada anual de presentación de resultados científicos do centro perante a industria. O encontro de referencia ante o mundo da empresa, a administración e outras organizacións, terá lugar en formato non presencial por primeira vez no seu seis anos de historia.

Cambio de estación, cambio de formato: Inside the Lab, a xornada de presentación de resultados científicos ante o tecido socioeconómico que tradicionalmente organiza cada verán o CiTIUS, terá lugar un ano máis o vindeiro 27 de novembro de 2020, por primeira vez en formato non presencial.

O novo formato en liña permitirá ampliar o público obxectivo da xornada, dirixida principalmente ao mundo da empresa, a administración e as organizacións en xeral. Ao longo do encontro presentaranse distintas tecnoloxías en avanzado estado de desenvolvemento, listas para ser transferidas á industria e a sociedade. O evento virtual realizarase a través de salas de videoconferencia e require inscrición previa.

Solucións intelixentes para un mundo complexo

Ademais das tres spin-off creadas polo CiTIUS (Situm, Imagames e InVerbis), estas serán as tecnoloxías que o CiTIUS presentará na sexta edición de Inside the Lab:

  • Sistema para a identificación das zonas axeitadas para que un UAV (dron) poida entregar unha mercadoría lixeira nas proximidades de vieiros rurais, garantindo as normas de mobilidade e seguridade.
  • Resultados do proxecto europeo TRAFAIR, que aborda o desenvolvemento dun servizo de monitorización, predición e publicación da calidade do aire a escala urbana en cidades intelixentes.
  • Un xerador de explicacións aplicable a calquera sector onde persoas e sistemas intelixentes conviven diariamente (saúde, banca, educación, servizos, industria, etc.). O sistema está baseado en Intelixencia Artificial explicable, unha tecnoloxía emerxente que involucra aspectos técnicos, pero tamén éticos e legais.
  • Ferramenta para a avaliación automática da calidade lingüística de textos, tanto en español como en galego normativo por medio de ferramentas de procesamento da linguaxe natural.
  • Software para a cuantificación automática e revisada de tecido tumoral en imaxes histolóxicas de pulmón, para o estudo do cancro. Opera en tempo real de forma precisa, fiable e rápida.
  • Nodo sensor completamente autónomo con capacidade de colleitar enerxía, con auto-arrinque non supervisado e comunicación sen fíos Bluetooth. O sistema incorpora unha unidade de xestión da enerxía desenvolvida no CiTIUS, capaz de operar a partir de 2.38 nW, o valor máis baixo xamais alcanzado.
  • Ferramenta de aprendizaxe non supervisada, desenvolvida en colaboración co INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia), que mellora a toma de decisións dos expertos do medio mariño, facilitando o control técnico e sanitario dos produtos do mar.
  • Plataforma Big Data que analiza en tempo real os contidos e o grao de credibilidade das publicacións relacionadas coa saúde en Redes Sociais e é quen de predicir a credibilidade das informacións publicadas neste ámbito.
  • Ferramenta gráfica para xerar vídeos sintéticos a partir de parámetros de procura definidos por un usuario.
  • Sistema Orientado á Industria 4.0 para a predición de parámetros de calidade de produto, en función do estado operativo dunha planta industrial.
  • Demostrador de aprendizaxe automática multidispositivo, que ilustra como aprende unha máquina imitando a múltiples persoas, con aplicacións reais de grande potencial.

Para participar en Inside the lab VI é preciso realizar inscrición previa de xeito gratuíto na web oficial do evento.