Bolsas de investigación CiTIUS 2020

O CiTIUS financia 7 bolsas destinadas a alumnado da USC cun alto nivel de interese en realizar no centro o seu Traballo Fin de Grao (TFG), no marco dun proxecto de investigación que contará coa supervisión dun/dunha investigador/a principal do CiTIUS.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) convoca 7 novas bolsas de investigación destinadas a estudiantes de grao. As axudas, dotadas cun total de 750€, desenvolveranse durante dous meses (preferiblemente setembro e outubro de 2020), a razón de 60 horas ao mes.

Requirimentos

  • Estar cursando estudos correspondentes ao último curso dos graos en Enxeñaría Informática, Física, Matemáticas ou disciplinas afíns, debendo ter superado o 70% dos créditos da titulación.
  • Presentar, no momento de aceptar a bolsa, un compromiso asinado para a realización do Traballo Fin de Grao (TFG) no CiTIUS, baixo a supervisión dun/dunha investigador/a adscrito/a ao CiTIUS.
  • A nota media do expediente académico debe ser igual ou superior a 7 puntos sobre base 10.
  • Estar matriculado/a no curso 2020-2021 nunha titulación de grao da USC no momento de inicio da bolsa.

Presentación de solicitudes

A presentación de solicitudes farase a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, empregando o formulario de solicitude dispoñible no seguinte enderezo https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/rexistroElectronico.htm, dirixido ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D e achegando a seguinte documentación:

  • Copia do expediente académico do grao ou título equivalente no que consten as cualificacións obtidas e con expresión da nota media en base 10 obtida nos estudos oficiais que estea cursando a persoa solicitante.
  • Currículo vitae da persoa solicitante.
  • Carta de motivación coa expresión do interese na obtención da bolsa.
  • Anexo III – Formulario Datos Persoais.

Toda a Información está dispoñible no documento oficial coa Convocatoria Bolsas Investigación no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes - CiTIUS

O prazo de presentación de solicitudes expira o vindeiro 16 de agosto