Bolsas de Verán CiTIUS 2019

O  CiTIUS lanza por quinto ano consecutivo unha nova convocatoria de bolsas de verán, dirixida a estudantes de graos relacionados coas Tecnoloxías da Información.

O CiTIUS convoca a quinta edición do seu programa de bolsas de verán, ofrecendo 12 axudas dirixidas a estudantes de grao que desexen ter a súa primeira experiencia investigadora no campo das Tecnoloxías da Información (TI). As bolsas teñen como obxectivo o financiamento de estadías de investigación no CiTIUS durante o próximo mes de xullo.

Durante a estadía, os beneficiarios desenvolverán un proxecto de investigación dirixido por un dos investigadores adscritos ao centro, encadrado nas liñas dos Programas Científicos do CiTIUS. O obxectivo é que os estudantes teñan un primeiro contacto coa investigación en áreas como o Big Data, a Visión artificial, as Tecnoloxías da Linguaxe, a Computación de Altas Prestacións, a Intelixencia Artificial, a Nanotecnoloxía ou a e-Saúde. Ademais, durante o período de duración da bolsa, poderán participar na actividade formativa desenvolvida no CiTIUS, que inclúe a asistencia a cursos, conferencias de investigadores de prestixio internacional ou presentacións das ferramentas informáticas máis actuais no campo das TI.

As bolsas están dotadas con 750 € brutos máis unha axuda para alumnos/as non residentes en Santiago de Compostela destinada ao financiamento dos gastos de transporte, cun importe máximo de 200 € para estudantes de fóra de Galicia e até 80 € para estudantes residentes noutros concellos de Galicia.

REQUISITOS

Os/as candidatos/as deberán superar o 55% dos créditos dos seus estudos de grao en Informática, Telecomunicación, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, cunha nota media igual ou superior a 8,0.

SOLICITUDES

Os/as interesados/as deberán remitir a documentación requirida a través da Sede Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela, usando o formulario de solicitude dispoñible neste enderezo [https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/InvestigacionBolsasVeran.htm] dirixida ao Servizo de Convocatorias e Recursos Humanos de I+D, antes do martes 30 de abril ás 23:59 h (CEST). Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse a seguinte documentación:

  • Copia da certificación académica do grao ou título equivalente no que consten as cualificacións obtidas e con expresión da nota media en base 10. No suposto de realizar estudos no estranxeiro nun idioma diferente ao inglés, a certificación deberá presentarse coa tradución oficial ao español ou galego.
  • Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso 2018/2019 ou documento acreditativo expedido pola universidade correspondente.
  • Currículo vitae da persoa solicitante.
  • Carta de motivación coa expresión do interese na obtención da bolsa.

AVALIACIÓN

A ordenación das solicitudes farase de acordo cos seguintes criterios, sobre unha puntuación máxima de 10 puntos:

  • Expediente académico da persoa solicitante, que suporán o 70% da valoración obtida.
  • Currículo vitae presentando, no que se terán en conta as publicacións, premios e a formación relacionada co obxecto das bolsas, entre outros aspectos. Este apartado suporá o 20% da valoración obtida.
  • Expresión de interese das persoas aspirantes formulada na carta de presentación, que suporá o 10% da valoración obtida.

Máis información nas bases reguladoras ou enviando un correo a citius.kmt@usc.es indicando no asunto [SUMMER FELLOWSHIPS].

 

Financiado por: