CiTIUS e CESGA pilotan o desembarco do xigante FINSA na industria do futuro

Un proxecto de transferencia financiado pola multinacional galega da madeira busca aproveitar os datos xerados nas plantas de produción para mellorar a calidade dos seus produtos no marco da novo paradigma da Industria 4.0.

A «Industria 4.0» (coñecida tamén como ‘Cuarta revolución industrial’, ‘Industria intelixente’​ ou ‘Ciberindustria’) é xa unha realidade que será determinante ao longo dos próximos anos en todo tipo de sectores. As empresas atópanse xa inmersas  nun proceso de transformación tecnolóxica que avanza imparable para non quedar atrás, especialmente aquelas compañías que contan con plantas industriais das que dependa a súa capacidade de competir no mercado.

A transformación dixital chegará á práctica totalidade das fábricas máis pronto que tarde, pero na carreira por implementar os sistemas máis avanzados nas cadeas de produción e optimizar os distintos procesos, estar entre os primeiros supón tamén un valor diferencial. Neste contexto, un acordo asinado en 2017 entre a compañía madeireira FINSA (Financeira Madeireira, S.A .), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) e o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) abriu unha liña de colaboración para aproveitar os datos sobre o funcionamento dunha das plantas da madeireira (OREMBER), situada en Ourense e elixida como piloto. O reto exposto pola compañía –principal operadora no sector a nivel estatal e unha das máis importantes a nivel internacional-, consistía en obter unha solución tecnolóxica a medida que puidese mellorar a calidade dos seus produtos aproveitando a inxente cantidade de datos xerados durante a fabricación dos taboleiros de Fibra de Densidade Media (MDF, polas súas siglas en inglés), utilizados na construción de mobiliario moderno.

Con este desafío como punto de partida, un equipo dirixido polos investigadores David Mera (CiTIUS) e Andrés Gómez (CESGA) abordou o problema durante os últimos meses para dar resposta ás necesidades da compañía, realizando en primeira instancia un estudo das interaccións entre os distintos elementos da liña de produción para, posteriormente, deseñar un sistema baseado en técnicas de Intelixencia Artificial que permitise xerar un «xemelgo dixital» baseado na análise dos datos.

Así, coa axuda de complexos algoritmos os científicos conseguiron avanzar no desenvolvemento dun eficiente sistema de Aprendizaxe-Máquina , capaz de extraer coñecemento a partir de  a  información fornecida pola planta,  funcionando como unha potente ferramenta tecnolóxica que xa demostrou a súa efectividade no proceso de toma de decisións en fábrica,  tomando como referencia os datos previstos  ao inciar a produción.

Os resultados do proxecto, que superou amplamente as expectativas, avivaron o interese dos socios por continuar avanzando na integración destas novas ferramentas de Industria 4.0 nos seus procesos de produción, o que se traduciría nun impacto positivo sobre aspectos como a calidade, a eficiencia enerxética, ou os custos de produción na fabricación de taboleiros MDF.