CiTIUS e ILG dotarán de Intelixencia Artificial ao proxecto 'Nós', a nova aposta estratéxica da Xunta pola lingua galega

A nova iniciativa permitirá introducir o galego no ecosistema dixital a través das tecnoloxías intelixentes, grazas á maior inversión que se ten realizado a prol da lingua, «o máis prezado sinal de identidade que temos», en palabras do reitor da USC, Antonio López.

Conseguir que o galego dea un paso decidido cara a adiante no eido das tecnoloxías intelixentes é o horizonte que persegue o proxecto Nós, unha nova e ambiciosa iniciativa presentada públicamente hoxe, e na que USC e Xunta de Galicia suman esforzos para equiparar o idioma propio da Comunidade a outras linguas que inundan o ecosistema dixital. Esta iniciativa, a máis ambiciosa que se ten desenvolvido a prol do galego, nutrirase de todo o potencial que alberga a Universidade de Santiago como institución pioneira e de referencia en Galicia no eido da Intelixencia Artificial.  

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) terá un papel protagonista nesta nova aposta, erixíndose como un dos dous piares fundamentaisno para afrontar un proxecto desta magnitude. En virtude da súa extensa traxectoria no ámbito da Intelixencia Artificial e as tecnoloxías da linguaxe natural; o centro traballará cóbado con cóbado co Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, especialistas no eido da Lingüística, das Humanidades Dixitais e das Tecnoloxías da Fala. Un binomio que augura resultados moi prometedores, tal e como aseguraba hoxe o reitor da USC na presentación que este martes tivo lugar na Cidade da Cultura, e na que estivo acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. «Trátase dunha universidade cinco veces centenaria, que  conta cun tándem insuperable», explicou Antonio López. «A lingua galega representa, mellor que ningunha outra cousa, o que significa ser e sentirse galega ou galego. É o máis prezado sinal de identidade que temos”, enfatizou.

«Se queremos que o galego non se apague, debe ter tamén luz na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial», continuou o reitor. «Se queremos que as novas xeracións falen galego, han de poder facelo tamén con e a través das máquinas. O proxecto Nós quere, ao igual que fixera a xeración de intelectuais da que recolle a denominación, ser un impulso necesario para a cultura galega a través da súa lingua. Quere ser pedra alicerce do novo cosmopolitismo dixital da cultura do país», sinalou. O reitor quixo deixar patente asimesmo que «a día de hoxe, todos temos claro xa que a Intelixencia Artificial non é só unha cuestión tecnolóxica. É social. É este un asunto esencial no que deben estar implicados todos os ámbitos da ciencia para ser capaz de darlle forma á única resposta útil, eficaz, ética e responsable aos problemas e demandas da sociedade».

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo subliñou que «o que estamos a facer é unir unha lingua milenaria cunha revolución dixital, porque non pode haber mil primaveras máis para a nosa lingua, se non estamos preparados e preparadas para a primavera dixital». En palabras do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, «Nós ve a luz para evitar a morte do galego no ámbito das tecnoloxías intelixentes», destacou.

Deste xeito, e no marco do proxecto Nós, desenvolveranse así un amplo banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres, así como distintas ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuitamente, por institucións e empresas. Grazas á cooperación entre institucións, tecnoloxías intelixentes, lingua e cultura camiñarán da man nun proxecto que, tal como subliñou o reitor, será «atalaia que lle vai permitir ao país ampliar a visión sobre o horizonte do seu futuro, a través da incorporación da lingua galega ao eido dixital da man da Intelixencia Artificial»-.

Impacto no tecido produtivo

Nós disporá dun investimento total de máis de quince millóns de euros, alén da creación de novos postos de traballo na nova industria do coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico, cun alto nivel de cualificación e especialización, de calidade e cun alto valor engadido. En concreto, Nós permitirá contratar e formar máis dun cento de profesionais e investigadores. Porén, o seu principal impacto virá da man do desenvolvemento de novos produtos e servizos ao redor das tecnoloxías da fala e da Intelixencia Artificial en xeral, cun impacto directo moi importante no tecido produtivo galego que terá un efecto tractor nunha área de importancia estratéxica. Ademáis, calquera institución ou empresa galega ou de fóra de Galicia, poderá acceder de balde a produtos como sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, así como resumidores e orrectores lingüísticos automáticos.

O proxecto Nós é un dos grandes proxectos cos que o goberno autonómico aspira a captar fondos Next Generation. Trátase dun proxecto plenamente coincidente cos obxectivos marcados desde Bruxelas para o uso deses fondos e con diferentes liñas do Plan de Recuperación e Resiliencia (que o goberno central ven de remitir a Bruxelas o pasado 30 de abril), e coa Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA).