Compromiso e entusiasmo, claves do éxito de «Ciencia Singular»

Máis de 200 persoas acudiron ao CiTIUS o pasado sábado para coñecer a investigación do centro guiadas polo seu persoal, cuxo compromiso e dedicación permitiron culminar a xornada un ano máis con impresións moi positivas entre os visitantes do encontro divulgativo por excelencia na Rede de Centros Singulares (RCSI).

A II Edición de «Ciencia Singular» no CiTIUS reivindica un ano máis entre a cidadanía compostelá a Xornada de Puertas Abertas na RCSI como unha cita ineludible para achegarse á ciencia. Así o demostran os escasos días en que tardaron en cubrirse as inscricións e a gran acollida entre o público, que o pasado sábado se desfacía en eloxios cara á organización. Nun ambiente distendido e familiar, máis de 200 persoas descubriron o labor científica, tecnolóxica e social que se desenvolve no centro, a través dos seus propios investigadores. As catro quendas nas que se dividiu a xornada comezaron cunha charla de benvida e introdución por parte do Director do centro, Paulo Félix, que deu paso aos seguintes demostradores e charlas:

  • Detección de rutas seguras para escolares mediante LiDAR: Francisco Fernández, José Carlos Cabaleiro e David López Vilariño.
  • Control e navegación autónoma dun dron (UAV): Manuel Mucientes e Daniel Cores.
  • Detección e seguimento visual de obxectos: Manuel Mucientes e Víctor Brea.
  • Dentius, un software baseado en Visión computacional para o análise de placa bacteriana: María José Carreira e Nicolás Vila.
  • Conferencia divulgativa: Computación de Altas Prestacións, Juan Carlos Pichel.

A mañá concluíu cunha segunda quenda que replicou o mesmo esquema, pechando o bloque de visita a conferencia divulgativa impartida por Dora Blanco: Procesado de Imaxe Hiperespectral de Sensado Remoto.

Na terceira quenda de actividades –o primeiro da tarde- sucedéronse os seguintes demostradores:

  • Caracterización e seguimento de usuarios de redes sociais para a detección de indicios de depresión: David Losada e Rodrigo Martínez.
  • Detección de rutas seguras para escolares mediante LiDAR: Francisco Fernández, José Carlos Cabaleiro e David López Vilariño.
  • Descrición automática do nivel de servizo das vías galegas: Alberto Bugarín.
  • Detección e seguimento visual de obxectos:  Manuel Mucientes e Víctor Brea.
  • Conferencia divulgativa:  Microelectrónica e sensores autónomos, Paula López.

Finalmente, a cuarta e última quenda contou coa participación dos mesmos investigadores que o anterior, a excepción do intercambio entre os demostradores de LiDAR e Dentius.

Paralelamente, outras actividades orientadas ao público infantil e xuvenil sucedéronse durante toda a xornada:

  • Experiencia inmersiva de realidade virtual: Julio Illade e Jorge Suárez.
  • Obradoiro de robótica e interacción co robot humanoide NAO: Roberto Iglesias e Fernando Estévez.
  • Obradoiro de robótica educativa: coa colaboración de WeRobots.

O CiTIUS celebra o éxito da xornada e agradece a todo o seu persoal o esforzo, compromiso e dedicación, tanto nos labores de organización acometidos nas semanas previas ao encontro como na súa impecable execución. Parabéns a todo o equipo polo seu gran traballo.