Crean 'DenTiUS Plaque', unha ferramenta baseada en técnicas de análise de imaxe para o control da placa dental bacteriana

O novo software, desenvolvido polo equipo da investigadora do CiTIUS María José Carreira e o grupo 'Oral Sciences Research Group' (OSRG), coordinado pola profesora Inmaculada Tomás, «pode representar unha mellora na contorna clínica e na calidade metodolóxica dos estudos de investigación».

Cuantificar os niveis de placa dental de xeito automático, fiable e repetible, a través de técnicas de análise de imaxe: ese é o obxectivo de 'DenTiUS Plaque', un novo software que proporciona información sobre a área, a intensidade e o patrón de crecemento dental, froito dunha investigación publicada na revista científica 'Journal of Medical Internet Research', liderada polas profesoras María José Carreira e Inmaculada Tomás, na que participaron tamén os investigadores Vicente Freire, Nicolás Vila e Carlos Balsa.

As bacterias poden atoparse na cavidade oral, formando agregados bacterianos dentro da saliva (flotando nunha fase líquida) ou adheridas ás superficies orais, tanto brandas (enxiva, lingua, fazulas) como duras (dentes, próteses e implantes). Neste último caso, a unión destas bacterias forman unha película xelatinosa e adherente coñecida como “placa dental”. As investigadoras responsables do proxecto lembran que a placa dental está directamente relacionada coa aparición e evolución das dúas enfermidades orais máis comúns, como son a carie ou a periodontite. Por iso, «a análise da placa dental é un tema crucial para establecer mellores estratexias de prevención e control destas enfermidades», afirman as profesoras Carreira e Tomás. «A aplicación do software DenTiUS Plaque na análise dos patróns de evolución da placa dental asociados a enfermidades orais, como a periodontite, así como para avaliar a eficacia de diversas medidas de hixiene oral, pode representar unha mellora na contorna clínica e na calidade metodolóxica dos estudos de investigación», conclúen.

Niveis de placa dental

Nun test de uso realizado por profesionais da Odontoloxía, estes recoñeceron que o software DenTiUS Plaque podería ser unha ferramenta moi útil para a cuantificación dos niveis de placa dental. Existen diversos índices clínicos tradicionais, que se aplican habitualmente tanto no ámbito clínico como no investigador, para cuantificar a placa dental. “Con todo, estes índices presentan importantes limitacións. Ao tratarse de avaliacións mediante exame visual asócianse a unha elevada subxectividade e ao ser determinacións semicuantitativas son altamente imprecisas”, continúan.

Respecto á coherencia biolóxica dos novos índices derivados da análise de imaxe realizada por DenTiUS Plaque, o persoal investigador, aplicando un modelo de crecemento de placa dental in situ de cinco días, avaliou a validez destes índices, comparando os resultados cos obtidos cun índice clínico convencional. En canto ao grao de correlación entre os índices convencionais e o índice API (área por intensidade) do software DenTiUS Plaque, os días un, dous e tres de acumulo de placa dental revelaron correlacións moi altas entre os dous sistemas. Con todo, nos días en que houbo pouca ou excesiva acumulación de placa, os días cero e catro, respectivamente, a relación entre os dous métodos de medición non foi óptima, o que pon de manifesto as limitacións do índice convencional e a conveniencia de aplicar os índices de DenTiUS Plaque.