Unha mensaxe para as científicas do futuro

As investigadoras e tecnólogas da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC súmanse ao Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, celebrado o 11 de febreiro, cun vídeo cuxos mensaxes  diríxense a empoderar ás nenas e mozas para lograr o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres na Ciencia.

O 50% das teses doutorais aprobadas en universidades españolas son de mulleres. Non hai barreiras, a priori, para que calquera muller que o desexe poida dedicarse profesionalmente a algunha das áreas STEM (Science, Technology, Engineer and Mathematics). Non obstante, os datos  colleitados no informe elaborado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade ‘Científicas en cifras 2015: Estatísticas e indicadores da (deas)igualdade de xénero na formación e profesión científica’, mostran unha realidade ben distinta entre mulleres e homes segundo ascenden na carreira investigadora. Elas comezan a abandonar na etapa  posdoutoral e a  fenda de xénero  amosa datos preocupantes nos postos de máxima responsabilidade: só hai 8 reitoras á fronte das 50 universidades públicas españolas e representan o 21% do profesorado catedrático.

Co obxectivo de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na Ciencia das mulleres e as nenas, así como promover vocacións científicas nas máis novas, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou en 2015 o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia para sensibilizar e concienciar a gobernos e cidadanía de que existe un problema transversal cuxa  visibilización, segundo un estudo da Universidade Camilo José Cela e un informe da OCDE, faise patente xa na infancia coa falta de confianza en si mesmas. Por este motivo, as investigadoras e tecnólogas da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC súmanse a esta efeméride animando ás nenas nun vídeo a que estuden e traballen en Ciencia e Tecnoloxía porque a investigación é, en definitiva, para todas as persoas que teñen interese polo coñecemento.

Igualdade, satisfacción e curiosidade

Aínda que as mulleres do CiTIUS, CiQUS e CiMUS  abranguen disciplinas diversas como as Enxeñerías, Física, Bioloxía, Química ou Medicina, e no vídeo aparecen investigadoras en todas as etapas da carreira científica -desde estudantes de doutoramento ata investigadoras principais xa consolidadas-, todas coinciden nalgúns aspectos e lanzan unha mensaxe transversal: a Ciencia é unha carreira de fondo apaixonante tanto para as mulleres como para os homes na que van aparecendo obstáculos engadidos para elas, pero que con esforzo, confianza e a curiosidade como motor, merece a pena. Confían en que nun futuro próximo as nenas e mozas  superarán estas barreiras e  se acade a participación plena e en igualdade das mulleres en Ciencia.

Por orde de aparición, no vídeo interveñen: Eva Cernadas, investigadora principal do CiTIUS; Beatriz Pelaz, investigadora posdoutoral do CiQUS; Amparo Pérez Díaz, investigadora  posdoutoral do CiMUS, Dora  Blanco, investigadora principal do CiTIUS; Purificación Cariñena, investigadora principal do CiTIUS; María José Carreira, investigadora principal do CiTIUS; Diana  Guallar Artal, investigadora  posdoutoral do CiMUS; Berta Álvarez, estudante de doutoramento do CiQUS; Celia María Pombo Ramos, investigadora principal do CiMUS; Lara Villarino Palmaz, investigadora  posdoutoral do CiQUS; Dores Pérez, directora adxunta do  CiQUS; e María Núñez, estudante de doutoramento do CiMUS.