Eva Cernadas presenta a súa investigación ante a comunidade médica

O IDIS organiza un seminario sobre microscopía molecular coa científica do centro como convidada

A investigadora do CiTIUS Eva Cernadas imparte este venres un relatorio sobre microscopía molecular no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS), unha xornada organizada polo Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) ao longo da cal presentará o seu traballo xunto ao tamén investigador do centro Manuel Fernández na área do procesamento de imaxes microscópicas a partir da utilización de distintas técnicas de visión por computadora, recoñecemento de patróns e aprendizaxe automática, co fin de levar a cabo o recoñecemento, clasificación, medida e reconto de estruturas de interese neste tipo de imaxes.

A sesión, dividida en dúas partes, comezará coa presentación dalgunhas das técnicas empregadas e as súas principais aplicacións, vantaxes e resultados nalgúns dominios concretos nos que xa se implementou.

A segunda parte deste seminario está concibida como un proceso interactivo coa audiencia, enfocando así os contidos aos problemas concretos dos asistentes. Desde a organización convídase aos profesionais que traballan coa imaxe microscópica a aportar exemplos durante a conversa, de forma que poidan ser avaliados ante a súa posible automatización.

Automatización versus recuento manual

O microscopio é un elemento común en calquera laboratorio, pero en certos casos é necesario proceder ao reconto e clasificación de células ou outras estruturas como elemento esencial da investigación científica. Realizar este reconto de maneira manual pode consumir moito tempo para o investigador e converterse nun proceso propenso a erros e certamente tedioso; con todo, a análise automática ofrece polo xeral un rendemento moi variable no complexo mundo das imaxes biomédicas e non permite a supervisión do operador durante o proceso. Ningunha das dúas opcións proporciona mecanismos que permitan coñecer a orixe do resultado cuantitativo e tampouco permite revisalo a posteriori sen repetir o proceso completo.

Os investigadores do CiTIUS propoñen sistemas intermedios entrambas filosofías, que recoñezan automaticamente as estruturas de interese na imaxe e que, mediante unha interface de usuario sinxela e intuitiva, permitan ao experto revisar dito recoñecemento antes de realizar a análise cuantitativa da imaxe. Ademais, a aplicación de técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática favorece que os propios algoritmos aprendan dos seus erros, o que os fai cada vez máis certeiros e eficaces.

Máis información sobre o evento

Categorías: Outros eventos