Éxito rotundo do II Workshop Galicia Machine Learning

Máis de vinte traballos presentados por centros de investigación e industria apuntalan este encontro como punto de referencia no sector e abren a vía a novas colaboracións.

«Práctica, necesaria e moi útil». Así de satisfeitos se mostraban os asistentes ao remate do II WGML (Workshop Machine Learning Galicia), unha xornada organizada polo CiTIUS xunto aos centros galegos de referencia no sector (CITIC, CESGA e atlanTTic). O encontro deu boa mostra do crecente interese polas tecnoloxías baseadas na aprendizaxe automática ou Machine Learning (ML), reunindo en Santiago a máis dun centenar de participantes procedentes na súa maioría do ámbito privado.

Na edición de 2017 déronse a coñecer 23 novos traballos, seleccionados minuciosamente tras analizar numerosas propostas de alta calidade. Entre eles, destacan propostas destinadas a mellorar a toma de decisións no ámbito médico, tecnoloxías para a xestión da industria 4.0, novos algoritmos para afrontar o desafío do Big Data, ou diferentes proxectos de visión por computadora orientados a múltiples campos, como a publicidade personalizada, a identificación facial ou o seguimento de obxectos a través de vehículos non tripulados.

O mellor aliado das empresas

Un dos principais atractivos da xornada foi a alta participación do sector empresarial. Organizacións como o xigante da madeira FINSA compartiron cos asistentes as súas experiencias no ámbito do ML, presentando ao auditorio os desafíos aos que se enfrontan co obxectivo de promover colaboracións público-privadas. Un campo de traballo de importancia capital na empresa do futuro, como quixo destacar o representante da multinacional no workshop, Gregorio González: «a Aprendizaxe automática veu para quedar; as empresas que non saiban velo a tempo de adaptarse quedarán atrás e deixarán de ser competitivas», advertía.

Ao finalizar a xornada, os asistentes quixeron mostrar o seu agradecemento á organización polo formato do encontro. Concibido como un simposio máis dinámico e menos ríxido que un congreso tradicional, o segundo WGML recolleu os comentarios e suxestións da primeira edición para adaptarse ás demandas e necesidades dos participantes, poñendo así o foco nas aplicacións prácticas e en casos reais de uso, con exemplos claros na actualidade.

Os organizadores non ocultaban a súa satisfacción polo éxito cultivado durante a xornada. Nesa liña expresábase David Mera, presidente do Comité Organizador: «tendo en conta a asistencia, a calidade dos relatorios e os comentarios recibidos, consideramos que este workshop foi un rotundo éxito, o mellor aval para garantir a súa continuidade no tempo e afrontar futuras edicións con ilusións renovadas», afirmaba o investigador posdoutoral do CiTIUS. Unha continuidade confirmada no acto de clausura, ao anunciarse que o centro da Universidade de Vigo atlanTTic será o vindeiro organizador principal do workshop en 2018, trasladándose así por primeira vez a sede do WGML lonxe de Santiago de Compostela.