Finalizado o prototipo de ‘Smart Cardia’, a plataforma intelixente que facilita a xestión da rehabilitación cardíaca tras un infarto

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela) participa no desenvolvemento dos distintos módulos que integran a nova plataforma, validada polo equipo de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e froito dun consorcio liderado pola empresa Balidea

Os resultados de ‘Smart Cardia’, unha plataforma que incorpora tecnoloxías baseadas en Intelixencia Artificial (IA) para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca en pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio, presentáronse hoxe en convocatoria virtual. O proxecto, cofinanciado pola Axencia Galega da Innovación (GAIN) a través do programa Conecta Peme -que conta con fondos FEDER-, foi desenvolvido polo CiTIUS e a empresa Balidea baixo o asesoramento de cardiólogos do CHUS, como o doutor Carlos Peña, que liderou a definición e o desenvolvemento desta iniciativa.

Ao longo deste ano culminou a elaboración dos seis módulos que integran a plataforma: módulo de xestión intelixente, módulo de interfaces gráficas, módulo de interacción intelixente, módulo de xeración automática de informes, módulo de Gamificación de plans de saúde, e módulo de predición de impacto do programa nos pacientes. ASimesmo acometeuse a integración das distintas partes e a validación do conxunto no marco do programa de rehabilitación cardíaca.

Trátase dun proxecto de investigación levado a cabo polo consorcio de empresas liderado pola compañía Balidea (líder do proxecto), no que tamén participan Imagames (spinoff do CiTIUS) e SM Tecno, ademáis do propio CiTIUS (USC) e a Fundación IDIS (SERGAS).

Da benvida á presentación en convocatoria virtual encargouse Maria del Carmen López, responsable da área de I+D+i de Balidea; e da súa moderación, Rocío Mosquera, presidenta do CSG e xerente de Galaria. Interviñeron na presentación tamén o doutor Carlos Peña Gil, membro da Fundación IDIS e responsable do programa de rehabilitación cardíaca do CHUS (Sergas), que sinalou «como a dixitalización contribúe a mellorar o proceso de rehabilitación cardíaca». Pola súa banda, José Gandarela, técnico do proxecto na área de I+D+i de Balidea, explicou o resultado final da ferramenta intelixente de soporte ao proceso de rehabilitación cardíaca. O catedrático Alberto Bugarín, investigador vinculado ao CiTIUS, centrou a súa intervención na tecnoloxía Data2Text, a Intelixencia Artificial usada no proxecto para a xeración automática de informes en linguaxe natural; o doutor Manuel Lama, tamén adscrito ao CiTIUS, falou da tecnoloxía baseada en Intelixencia Artificial que incorpora a plataforma, que é capaz de predicir o grao de beneficio que obterán os pacientes co programa de rehabilitación. Javier López, de Imagames, citou as posibilidades da gamificación para a optimización de procesos; e finalmente, Víctor Souto, de SM TECNO, dedicou a súa intervención a abordar a temática das interfaces intelixentes.

Este proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, á súa vez cofinanciado polo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Rehabilitación cardíaca controlada, segura e de calidade

A finalidade do proxecto Smart Cardia foi desenvolver unha plataforma que lle facilitase aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas cun maior grao de usabilidade. Convértese así nunha ferramenta idónea para a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, desde o primeiro día, os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso seguro e predicible, sen variabilidade e controlado, contando ademais con indicadores de calidade.

Está pensada como apoio aos profesionais sanitarios que interveñen neste tipo de procesos, como cardiólogos, persoal de enfermaría especializada, fisioterapeutas, médicos rehabilitadores, endocrinólogos, médicos de atención primaria e enfermería comunitaria.

O proxecto ten unha finalidade sanitaria (mediante o control dos factores de risco e a prevención), e unha finalidade social, ao interactuar con Prebencar, un asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovascular que promove hábitos cardiosaudables, e converte aos pacientes que sufriron un infarto en axentes activos para a súa recuperación.