‘GaiásTech’: poñendo o talento ao servizo das ideas

Senén Barro, director científico do CiTIUS, asistiu hoxe como relator convidado á presentación oficial do centro ‘GaiásTech’, unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).

O director científico do CiTIUS, Senén Barro, participou hoxe como relator convidado na xornada de presentación do ‘GaiásTech’, un novo espazo innovador, vangardista, aberto e dinámico presentado publicamente hoxe na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), destinado a consolidar o ecosistema dixital de Galicia.

‘GaiásTech’ nace co propósito de impulsar as relacións internas dos distintos actores tecnolóxicos da Comunidade, contribuíndo ao desenvolvemento de cadeas de valor a escala global que permitan dar resposta aos desafíos actuais, e futuros, da sociedade.

Tras agradecer a invitación á mesa de debate ‘Debe Galicia especializarse en Intelixencia Arficial?’, o director científico do CiTIUS reflexionou sobre os aspectos clave que debe afrontar Galicia para tirar partido do proceso de transformación dixital na economía galega. A mesa, moderada por Elisa Martín Garijo (Directora da contorna de Saúde do Instituto de Ingeniería del Conocimiento IIC) contou tamén coa presenza da catedrática Amparo Alonso, presidenta da AEPIA (Asociación Española para la Inteligencia Artificial).

Durante a súa intervención, Senén Barro quixo salientar a importancia de saber aproveitar as oportunidades que ofrece a IA para mellorar o tecido produtivo galego e, por extensión, a calidade de vida das persoas: «a Intelixencia Artificial» (IA) «é un amplificador do que debemos tirar partido; non se trata tanto de especializarmos en IA, como de converternos nun país que é quen de empregar a Intelixencia Artificial para seguir mellorando a súa sociedade, ao tempo que mellora a competitividade do seu tecido produtivo», afirmou.

Para Barro, un dos aspectos fundamentais do proceso será desenvolver unha infraestrutura de talento: «moitas veces identificamos o talento con formación ou intelixencia, pero na miña opinión, o talento aparece cando somos quen de poñer a formación ou a intelixencia ao servizo dun proxecto». Para o director do CiTIUS, é crucial que a transformación dixital non quede unicamente no terreo do discurso: «Intelixencia Artificial e fiabilidade son conceptos inseparables. Pero a IA non só debe ser confiable senón tamén valorizable: temos que construír proxectos para que a xente altamente cualificada que formamos quede aquí, en Galicia, vinculada a proxectos tractores e atractores, mesmo capaces de atraer talento exterior, ata onde sexa posible. Aí é onde temos que poñer o foco», aseguroru.

Na procura dunha transformación dixital enfocada nas persoas

O centro GaiásTech que hoxe inicio a súa actividade na Cidade da Cultura de Galicia actuará como un espazo para a demostración e experimentación en tecnoloxías avanzadas, así como de concentración do coñecemento ao servizo da transformación dixital das empresas, das administracións e da sociedade galega.

O centro estará á disposición das máis de 3.800 empresas tecnolóxicas de Galicia e das máis de 24.000 persoas profesionais do sector TIC da nosa Comunidade. Terá tamén a función de fomentar as vocacións tecnolóxicas e a promoción e retención do talento dixital en Galicia.

GaiásTech será un escenario central para a posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, especialmente do seu eixo transversal, que ten o obxectivo de promover a especialización tecnolóxica a través do reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais da Comunidade.