Guía para liberar aos grandes computadores das súas limitacións tecnolóxicas

Santiago acolle a presentación dos últimos avances científico-técnicos en computación paralela e distribuída coa celebración do Congreso Internacional Euro-Par 2017.

Case dúas décadas despois da chegada do século XXI, o recoñecemento ao papel protagonista da tecnoloxía nos grandes avances da humanidade é unánime. Os grandes sistemas de computación teñen permitido afrontar nun tempo de cómputo razoable problemas que requiren cálculos moi complexos, como a secuenciación de ADN ou o desenvolvemento de novos fármacos; mais, malia a súa indubidables achegas, o espectacular aumento das súas prestacións nos últimos anos non foi quen de afastar a pantasma das limitacións físicas que presentan, debido fundamentalmente a dous problemas derivados do aumento da frecuencia de reloxo nos procesadores: o exceso de calor e un consumo de enerxía inasumible.

Estas barreiras, sumadas ás dificultades á hora de desenvolver unha programación eficiente usando o modelo tradicional (programación secuencial) deron paso nas últimas décadas a unha nova aproximación coñecida como computación paralela, baixo a premisa de que é posible fraccionar problemas grandes en moitas partes pequenas para executar un elevado número de instrucións de maneira simultánea (en paralelo). Os investigadores tratan así de dar resposta a un dos colos de botella que máis preocupan nos últimos anos, centrando os seus esforzos en desenvolver solucións que permitan mellorar progresivamente o rendemento destes Computadores de Altas Prestacións (HPC, polas súas siglas en inglés), tanto a nivel hardware como software.

No marco deste labor conxunto, expertos de todo o mundo reuniranse a próxima semana en Santiago de Compostela para presentar e debater os últimos avances científico-técnicos en computación paralela e distribuída a nivel global durante o Congreso Internacional Euro-Par 2017, un dos foros de maior impacto do mundo e o máis importante de cuantos celébranse no continente europeo.

O evento, que ten xa obtido un recoñecemento internacional incuestionable nos últimos anos, sitúase actualmente nos postos máis altos dos ránkings de congresos de informática e na súa 23ª edición chegará a Galicia da man do CiTIUS, organizado polos investigadores adscritos ao centro Francisco Fernández Rivera, Tomás Fernández Pena, José C. Cabaleiro y Dora Blanco, membros do Grupo de Arquitectura de Computadores (GAC).

Mesma premisa, múltiples campos de estudo

Euro-Par 2017 tratará distintos aspectos relacionados co mundo da computación paralela, desde cuestións teóricas sobre os supercomputadores, os procesadores de última xeración, as tarxetas gráficas ou as redes de interconexión, ata a programación de aplicacións destinadas a dar resposta a problemas de alta demanda computacional. En particular farase especial énfase en temas de máxima actualidade, como o paralelismo en sistemas multinúcleo, a computación na nube, a computación Big Data ou o consumo enerxético dos grandes supercomputadores.

O congreso contará coa presenza, entre outros, de tres figuras do paralelismo a nivel internacional David Padua, da Universidade de Illinois (EEUU); Ian Foster, da Universidade de Chicago (EEUU); e Jürgen Döllner, da Universidade de Postdam (Alemania). Polo que atinxe á industria, en Euro-Par 2017 participan tamén compañías tecnolóxicas de prestixio, como Intel ou HP.

Ao longo da conferencia presentaranse 50 traballos, escollidos de entre 177 propostas recibidas de grupos de investigación de todo o mundo. Por outra banda, ao abeiro do congreso celebraranse ata 10 workshops de temáticas moi específicas, sobre as que se incidirá especialmente. Unha das principais novidades respecto a edicións pasadas será o concurso de programación paralela, dirixido aos novos asistentes ao congreso e desenvolvida nos computadores do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

A sesión inaugural terá lugar o vindeiro mércores 30 de agosto ás 8:30, e a ela asistirán o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, e o director do Centro de Supercomputación de Galicia, Javier García Tobío.