José Ramón Ríos Viqueira e Manel Cotos participarán como editores convidados nun número especial da revista internacional ISPRS IJGI

Os investigadores adscritos ao CiTIUS coordinarán a edición especial do número 'Large Scale Geospatial Data Management, Processeng and Mining' xunto á científica Aurora Cuartero, da Universidade de Estremadura.

Os investigadores adscritos ao CiTIUS José Ramón Ríos Viqueira e Manel Cotos participarán como ‘guest editors’ nunha edición especial da revista internacional ISPRS IJGI (International Journal of Geo-Information), tras aceptar recentemente a proposta desta publicación científica do grupo MDPI (Multidisciplinary Dixital Publishing Institute).

Xunto á investigadora Aurora Cuartero, da Escola Politécnica da Universidade de Estremadura, ámbolos dous científicos do centro coordinarán a elaboración do novo número, titulado 'Xestión, procesamento e minería de datos xeoespaciais a grande escala', no que se explorarán os principais desafíos de investigación inherentes á xestión, o procesamento e a extracción dos conxuntos de datos obtidos por aplicacións xeoespaciais e ambientais. O proceso de recepción de traballos científicos para incluír neste novo número está xa activo, dando aos autores un prazo de envío que se manterá aberto ata o 22 de decembro de 2020.

Orde no caos

Unha das principais singularidades dos datos xeoespaciais é a súa abundancia; porén, aínda que o volume de información foi tradicionalmente moi grande, o diluvio xerado actualmente como consecuencia do crecente número de plataformas de Información Xeográfica Voluntaria (VGI, polas súas siglas en inglés), así como a multitude de dispositivos móbiles ou mesmo as redes sociais, teñen convertido o proceso de extracción e xestión deste tipo de datos nun labor aínda máis ardua.

«Tampouco debemos esquecer» afirma o investigador José Ramón Ríos Viqueira, que «estamos a falar dun tipo de datos de natureza altamente heteroxénea, tanto en formatos como en contido: á complexa tarefa de tratalos no seu conxunto, hai que sumar a dificultade engadida de que nun mesmo ‘lote’ convivan entre outros, por exemplo, coberturas e gráficos, imaxes xeoespaciais non estruturadas, nubes de puntos ou documentos de texto», puntualiza.

A gama de aplicacións que poden beneficiarse do tratamento deste tipo de datos é tamén moi ampla. Como explica o investigador Manel Cotos, «cando somos quen de tratar debidamente toda esa información podemos implementar melloras en eidos tan diversos como a planificación e xestión urbana en cidades intelixentes, a pesca e a acuicultura, a produción e xestión de enerxía intelixente, o patrimonio cultural ou o turismo; por outra banda, en ocasións tamén podemos contribuír ao desenvolvemento de sectores a priori menos previsibles como a saúde intelixente ou o envellecemento activo e saudable, a partir da distribución xeoespacial de enfermidades».