Natalia Seoane, nova fichaxe ‘Ramón y Cajal’ no CiTIUS

A investigadora posdoutoral do CiTIUS Natalia Seoane consegue unha das catro axudas ministeriais ‘Ramón y Cajal’ da área de Enxeñería Eléctrica, Electrónica e Automática.

Natalia Seoane, investigadora do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) obtivo recentemente unha das axudas ‘Ramon y Cajal’ outorgadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades que teñen como obxectivo promover a incorporación de investigadores españois e estranxeiros cunha traxectoria destacada en centros de I+D. Con esta contía financiarase a súa contratación durante o próximos cinco anos, período no que contará con fondos adicionais para desenvolver o proxecto de investigación polo que foi unha das catro persoas seleccionadas de toda España en conseguir unha ‘Ramón y Cajal’ na área de Enxeñería Eléctrica, Electrónica e Automática.

Optimización de transistores

O proxecto de Natalia Seoane que o Ministerio valorou positivamente para a concesión da axuda, incluído no programa científico do CiTIUS de Computación Avanzada, estudará os materiais e configuracións máis adecuadas para o deseño e rendemento óptimo dos miles de millóns de  semiconductores que nos rodean. Os semiconductores ou transistores atópanse na maioría dos aparellos electrónicos habituais na nosa vida diaria, como móbiles, computadores, reloxos e tabletas, cuxo tamaño se foi reducindo segundo foi mellorando a tecnoloxía. Reducilos a escalas nanométricas sen perder funcionalidades nin incrementar os custos de fabricación supón un reto, e por iso necesítanse ferramentas de simulación e modelado de semiconductores que permitan predicir o seu comportamento e incorporar arquitecturas e materiais cambiantes que sirvan de guía para a industria.

Doutorada en 2007 na Universidade de Santiago, esta investigadora desenvolveu unha parte importante da súa investigación posdoutoral no estranxeiro: Universidade de Glasgow (2007-2009), Universidade de Edimburgo (2011) e Swansea University (2013-2015). En 2012, outorgóuselle unha bolsa intraeuropea Marie Curie individual e en 2015 conseguiu un proxecto nacional de I+D do MINECO, dentro da convocatoria ‘Proxectos de I+D+i para Mozos Investigadores sen Vinculación ou con Vinculación Temporal', polo que se incorporou ao CiTIUS.