Novo 'Premio GRADIANT' para unha tese do CiTIUS

O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia premia o traballo do investigador Alejandro Ramos como a mellor tese de doutoramento aplicada ao sector TIC.

O investigador do CiTIUS Alejandro Ramos Soto continúa a sumar premios ao seu traballo de doutoramento. O pasado venres, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia facíalle entrega do Premio GRADIANT á mellor tese aplicada ao sector TIC no Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (PALEXCO), durante a XXII Edición da Noite Galega das Telecomunicacións e a Sociedade da Información. É o terceiro galardón recibido en tan só uns meses, tras o prestixioso Premio Fundación BBVA-SCIE concedido a nivel nacional, e o Premio EUSFLAT a escala europea.

No fallo emitido polo xurado púxose de manifesto «o carácter innovador desta técnica, así como o seu alto impacto en publicacións de referencia». «A sanidade, a meteoroloxía, ou a educación son algúns dous ámbitos nos que este traballo xa demostrou a súa utilidade», aseguran.

Tres premios con apelido CiTIUS

A cerimonia de entrega de premios desenvolveuse no marco dunha gala que tivo como tema central a ciberseguridade, ao longo da cal o Colexio concedeu os seus seis premios anuais. Na súa vixésimo segunda edición, o encontro contou tamén coa spin-off do CiTIUS Situm Technologies entre os premiados, recoñecida como mellor iniciativa empresarial do sector. A capacidade de expandirse nun mercado amplo, a súa orientación cara á exportación, a creación de emprego de alta cualificación, ou a súa aposta polo I+D+i, foron factores determinantes na elección da startup fundada por investigadores do centro.

É a segunda vez que un doutor do CiTIUS obtén este recoñecemento, tras recibir en 2013 o investigador egresado Alejandro Neto Lareo o premio GRADIANT por primeira vez no ano 2013.