O CiTIUS convoca a terceira edición das súas Bolsas de Verán

Estás a rematar os teus estudos? Apúntate ás nosas bolsas de investigación en Tecnoloxías da Información

O CiTIUS pon en marcha o seu programa de bolsas de verán por terceiro ano consecutivo, ofrecendo 10 axudas de inicio á investigación dirixidas a estudantes de grao que desexen comezar a súa actividade científica no centro. As estadías, que se desenvolverán durante o vindeiro mes de xullo, están dotadas con 700 euros e inclúen unha axuda económica destinada a gastos de viaxe para alumnos non residentes en Santiago de Compostela.

Os estudantes seleccionados integraranse nun proxecto de investigación desenvolvido no marco dalgún dos Programas Científicos do centro, a través do cal poderán aproximarse ás últimas tecnoloxías relacionadas co Big Data, a Visión Artificial ou os avances máis recentes no eido da Robótica. Ademais, terán a posibilidade de participar nas actividades organizadas polo CiTIUS, como relatorios impartidos por investigadores de prestixio ou ciclos formativos relacionados coas temáticas desenvolvidas durante a súa estadía.

REQUIRIMENTOS

Os candidatos deberán ter finalizado o terceiro curso dos seus estudos de grao en Informática, Enxeñería de Telecomunicacións, Matemáticas, Física ou disciplinas afíns, ou ben ter superado 140 créditos cunha nota media igual ou superior a 8,0.

SOLICITUDES

Os interesados deberán remitir a documentación requirida a citius.idi@usc.es indicando no asunto [BOLSAS DE VERÁN] antes do martes 2 de maio ás 23:59 h (CEST).

Consulta as bases da convocatoria e descarga o formulario de inscrición.

 

Categorías: Ofertas de traballo e convocatoriasComunicacións do Centro