O CiTIUS participa en dous proxectos de investigación do Programa POCTEP

O centro colabora como socio en NANOeaters e Geoarpad, recentemente concedidos polo programa de cooperación transfronteiriza.

O Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal Interreg V-A (POCTEP) fixo público o listado de proxectos concedidos na súa primeira convocatoria 2014-2020, entre os que figuran NANOeaters e Geoarpad, nos cales o centro participa como socio xunto a outros grupos de investigación da USC. Un total de 132 propostas foron aprobadas para a súa concesión, logo dun riguroso proceso de selección no que participaron máis de 450 candidaturas.

NANOeaters é un proxecto enfocado á transferencia e valorización de nanotecnoloxías a pequenas e medianas empresas da eurorrexión. O CiTIUS, en colaboración co CiMUS, traballará no desenvolvemento dun sensor autónomo implantable no ollo que permita monitorizar a presión intraocular e así previr o glaucoma, unha das causas más comúns da cegueira.

Pola súa banda, Geoarpad centra a súa actividade na aplicación de tecnoloxías dixitais ao patrimonio colectivo cultural. A USC participa de forma multidisciplinar neste proxecto, que abarca múltiples áreas de investigación arredor dun obxectivo común: a posta en valor do patrimonio cultural da Eurorrexión.

POCTEP: impulsando a investigación transfronteriza

O Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal Interreg V-A (POCTEP) ten o obxectivo de potenciar a I+D+i na eurorrexión Galicia Norte-Portugal. Para iso, o programa conta coa aportación económica do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (FEDER), que apoiará o desenvolvemento dos proxectos seleccionados mediante unha financiación que se prolongará ata o ano 2020.

Categorías: Comunicacións do Centro