O CiTIUS súmase este venres á xornada global de divulgación 'G-Night'

O CiTIUS levará á 'Noite Europea das Persoas Investigadoras' (G-Night) unha serie de actividades de divulgación nas que se presentarán algunhas das liñas de investigación actuais do centro.

Baixo o lema ‘Conciencias creativas’, este venres 24 de setembro celébrase a Noite Europea das Persoas Investigadoras, coa que se pretende achegar a investigación científica ao conxunto da sociedade, «de maneira sinxela, divertida e interactiva», explica o seu coordinador na USC José Antonio Costoya. Este evento de divulgación científica, no que participan distintos centros e grupos da USC, celébrase de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro. A través dun nutrido programa de actividades, a organización pretende «amosar a nosa maneira de traballar e espertar o interese e a conciencia sobre a transcendencia do eido científico, tanto aplicado como básico», continúa o profesor Costoya. O encontro terá lugar o 24 de setembro de 18.00 a 21.30 horas no xardín do Colexio de Fonseca e as súas inmediacións (Santiago de Compostela), así como de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere de Lugo.

Polo que respecta á participacion do CiTIUS nesta xornada, as actividades propostas incluirán distintos demostradores e obradoiros:

  • Demo robótica: presentarase parte da investigación actual no eido da interacción home-robot e a manipulación robótica, a través dun brazo robótico controlado por unha consola.
  • Podes gañarlle unha carreira a un coche controlado por Intelixencia Artificial (IA)?: carreira de scalextric entre dous coches, un deles equipado con IA e outro controlado desde un mando por unha persoa.
  • ‘CystAnalyser’: obradoiro no que se identificarán e medirán distintas células usando a ferramenta CystAnalyser, un software desenvolvido no CiTIUS en colaboración co laboratorio NefroCHUS da Fundación IDIS de Santiago, que axuda no deseño de fármacos contra a poliquistose renal, unha enfermidade xenética.
  • MeteoText (proxecto europeo NL4XAI- GA 860621): coñece a aplicación que traduce automáticamente a linguaxe natural o prognostico meteorolóxico a curto prazo, a partir dos datos de predición usados por MeteoGalicia.
  • Proxecto europeo MENELAOS-NT (NT- GA 860370): as cámaras dixitais (como as dos nosos teléfonos móbiles) permítennos capturar unha representación en dúas dimensións do mundo que nos rodea... pero a nosa contorna é  tridimensional, non unha imaxe plana. Neste demostrador presentarase unha cámara capaz de capturar imaxes  tridimensionais, capturando o “tempo de voo” dos fotóns que chegan a cada píxel da cámara.
  • ‘Copiando ao cerebro’ (proxecto europeo MISEL - GA 101016734): o proxecto MISEL está enfocado a desenvolver sistemas visión e captura de imaxe de baixa potencia máis complexos, que imitan ao cerebro, explotando unha gama máis ampla de principios biolóxicos a nivel do hardware: a adaptabilidade do ollo humano, a aprendizaxe, o razoamento na toma de decisións "conscientes" realizadas polo córtex cerebral... etc.