O futuro da industria galega pasa pola Intelixencia Artificial

O CiTIUS coordina a organización do 'II Machine Learning Workshop Galicia', un encontro que pretende constituírse como punto de referencia entre a industria e a comunidade investigadora neste eido. O evento terá lugar o vindeiro 19 de outubro na ETSE, e está organizado conxuntamente polos centros galegos de referencia no sector: CITIC (UDC), AtlanTTic (UVigo), CiTIUS (USC) e CESGA (Centro Galego de Supercomputación).

As tecnoloxías baseadas na Intelixencia artificial (IA) experimentaron nos últimos anos un desenvolvemento espectacular. Paseniño, vemos como as máquinas se introducen en dominios que anteriormente estaban restrinxidos exclusivamente aos seres humanos e hoxe contan xa con ferramentas para a automatización, como os vehículos que conducen de forma autónoma, sistemas de diagnóstico que axudan a mellorar a predición das enfermidades, brokers virtuais que determinan a evolución dos mercados, asistentes persoais, sistemas de tradución automática ou robots xornalistas, por citar só algúns exemplos. Tanto é así que, ante a frecuencia do seu uso, estas técnicas pasan xa practicamente inadvertidas.

Unha das grandes revolucións desta etapa dourada da Intelixencia Artificial xira arredor do eido coñecido como Big Data. A sensorización e interconexión masiva da sociedade (smartphones, pulseiras biométricas, SmartCities...) está a xerar uns volumes de información inxentes, que resultarían completamente inimaxinables fai tan só un par de décadas. Son datos que por si mesmos terían pouco valor, pero grazas aos algoritmos da Aprendizaxe Máquina (Machine Learning) os científicos especializados en computación son capaces de interpretar, xerar novos modelos ou mesmo facer predicións, o que permite desenvolver novas aplicacións con numerosos beneficios para a sociedade en xeral e a industria en particular.

Polo xeral a industria descoñece o potencial destas técnicas, pero continúa a acumular información que normalmente non sabe como explotar. Pola súa banda, os grupos de investigación das universidades e os centros tecnolóxicos están con frecuencia demasiado afastados dos problemas industriais como para achegar solucións aos seus problemas.

Co obxectivo de reducir esta fenda entre industria e Academia e servir como punto de encontro entre ambas as esferas, o vindeiro 19 de outubro terá lugar o II Machine Learning Workshop Galicia na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (ETSE), unha xornada monográfica para visibilizar a aplicación de tecnoloxías Machine Learning aos problemas da industria e a sociedade.

A xornada comezará cun relatorio inaugural a cargo de Sorin Cheran, membro da filial francesa de Hewlett Packard Enterprise, na que se presentarán novas arquitecturas paralelas para solucións baseadas en aprendizaxe profunda (Deep Learning), unha tecnoloxía revolucionaria que está detrás de moitas das aplicacións modernas da Intelixencia Artificial. A continuación terán lugar máis de vinte relatorios que abordarán temáticas tan diferentes como a visión artificial, o procesado de linguaxe ou a mellora dos procesos de fabricación, así como o márketing ou o diagnóstico de patoloxías, entre outras.

Os organizadores esperan que este workshop sirva de catalizador para o desenvolvemento de novos proxectos baseados en Intelixencia artificial e lembran que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día do evento a través do formulario online publicado na web oficial.