O SERGAS aposta por 'Calendula'

A Xunta de Galicia anuncia oficialmente a sinatura dun novo convenio entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Universidade de Santiago de Compostela.

Calendula, a aplicación móbil desenvolvida no CiTIUS para a mellora da adherencia á medicación persoal, vén de recibir un importante impulso tralo asinamento dun novo convenio de colaboración entre o centro e a Xunta de Galicia, canalizado a través da Consellería de Sanidade.

O novo acordo permitirá integrar Calendula nos sistemas informáticos do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), ofrecendo á cidadanía galega unha nova canle de acceso á información relacionada coa súa medicación. Calendula facilitará o cumprimento dos tratamentos prescritos mediante a sincronización no móbil das pautas de medicación do paciente e do calendario de recollida de medicamentos, ademáis doutras funcionalidades como recordatorios, avisos ou acceso os prospectos oficiais, entre outras.

A iniciativa é a primeira das actuacións dun acordo marco de colaboración autorizado esta semana polo Consello da Xunta co gallo de desenvolver actividades conxuntas de I+D entre o CiTIUS e a Consellería de Sanidade. Trátase do primeiro convenio no eido das Tecnoloxías da Información asinado entre a Consellería de Sanidade, o SERGAS e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), que procura o desenvolvemento e validación de diferentes tecnoloxías relacionadas coa e-Saúde.

Reparto de roles na aposta pola tecnoloxía

O acordo, cunha vixencia de catro anos, contempla unha delimitación de funcións entre as partes para o desenvolvemento das distintas actividades de I+D recollidas no documento. Así, o CiTIUS achegará non só o coñecemento e a valía dos seus investigadores, senón tamén os medios técnicos necesarios para abordar axeitadamente os proxectos programados.

Pola súa banda, a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade farase cargo da coordinación das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sanitarias, así como do desenvolvemento e a supervisión da plataforma tecnolóxica que dea soporte a estas actividades dentro do Sistema público de Saúde de Galicia, en coordinación coas unidades competentes na materia.

Con esta actuación, a Sanidade pública certifica a súa aposta polo impulso da  investigación sanitaria e o desenvolvemento científico e tecnolóxico do Sistema Público de Saúde, afianzando a innovación e a modernización no sistema sanitario.