Oferta de emprego: «Comunicador Científico»

A Rede de Centros Singulares de Investigación de Campus Vida (RCSI) abre un proceso de selección para incorporar un novo Técnico superior en Comunicación á súa Unidade de Prensa.

CiTIUS, CiQUS e CiMUS, os centros de investigación de Campus Vida –o campus de excelencia internacional da Universidade de Santiago de Compostela (USC)- poñen en marcha un proceso de contratación para incorporar á súa Unidade de Prensa un novo Técnico superior de apoio á investigación. A oferta, dirixida a profesionais da comunicación con experiencia ou científicos que acrediten actividades previas como divulgadores, materializarase nun contrato de traballo a tempo completo dun ano de duración, e estará enfocada ao desenvolvemento de accións de comunicación e divulgación científica no marco da actividade da Rede de Centros Singulares de Investigación da USC.

Os candidatos interesados en participar neste proceso selectivo deberán presentar a súa solicitude no prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da convocatoria oficial segundo o formato establecido no modelo anexo.


Data límite: 13 de novembro

Requirimentos previos dos aspirantes

  • Licenciatura – Grao – Doutoramento en Ciencias da Comunicación ou disciplinas científicas (Medicina, Química, Matemáticas, Informática, Física, Farmacia, Enxeñaría, etc.).

Fase de valoración

  • Curriculum Vitae: expediente académico, formación de posgrao, publicacións - 20 puntos.
  • Experiencia acreditada no campo da comunicación e divulgación - 25 puntos.
  • Inglés falado e escrito - 10 puntos.
  • Referencias (incluír no CV datos de persoas de contacto que poidan proporcionar referencias) - 5 puntos.
  • Proba práctica de redacción en castelán ou galego e en inglés (limitada a candidatos que obteñan unha puntuación mínima de 35 puntos nos apartados anteriores) - 15 puntos.
  • Entrevista persoal (limitada a candidatos que obteñan unha puntuación mínima de 35 puntos nos catro primeiros apartados) - 25 puntos.

Tódolos detalles sobre a praza e o procedemento para concorrer a este proceso poden consultarse no documento íntegro dispoñible na web da Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT) da Universidad de Santiago.