Os Centros Singulares de Investigación da USC abren as súas portas á cidadanía galega

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (RCSI-USC) celebra este sábado 2 de decembro unha xornada de divulgación destinada ó público xeral para mostrarlle á sociedade o labor de excelencia científica que realizan CiQUS, CiMUS e CiTIUS.

 

Galicia ten este sábado unha cita coa excelencia científica no Campus Vida da Universidade de Santiago. A Rede de Centros Singulares de Investigación integrada polo CiQUS (Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o CiTIUS (Tecnoloxías da Información) preséntase ante a sociedade para dar testemuña da calidade dos seus resultados de investigación, ó longo dunha xornada de portas abertas na que os visitantes poderán comprobar de primeira man o valor engadido que estes tres centros de referencia científica están a achegar á mellora da calidade de vida (non só na súa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global).

Entre as actividades programadas ó longo do día figuran demostracións con drons, robots, e lentes 3D; obradoiros de experimentos en química e biomedicina; circuítos de xeración de enerxía, teatros científicos ou charlas divulgativas ofrecidas por investigadores de recoñecido prestixio, como Ángel Carracedo, María José Alonso ou Senén Barro (entre outros), así como mostras de tecnoloxías desenvolvidas no marco de traballo dos centros.

Un paso por diante do futuro tecnolóxico

Malia non veren os seus nomes gravados nos dispositivos comerciais, as tecnoloxías que cada día fan a nosa vida máis fácil non terían existido sen as achegas de numerosos investigadores en todo o mundo. Desde a súa fundación, O CiTIUS traballa cunha clara vocación internacional para sumarse ós desafíos científicos que fan posible o desenvolvemento tecnolóxico, anticipándose así á tecnoloxía que vén.

Química: unha chave mestra para afrontar os desafíos do século XXI

O CiQUS explora cada día novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálise). En só sete anos o centro conseguiu consolidarse como un referente de investigación multidisciplinar, na fronteira entre a Biomedicina e a Ciencia de Materiais.

No corazón das enfermidades: a medicina molecular

O CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía e Nutrición, Trastorno Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Xenómica Funcional, Terapias experimentais ou Bioestatistica. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, un Instituto de Investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.

Ciencia en familia

A participación nesta xornada require inscrición previa (completamente gratuíta) a través do formulario web disposto pola organización. O programa está deseñado para facilitar a visita ós tres centros –en quenda de mañá ou de tarde– a través do itinerario completo.

As persoas que non dispoñan do tempo necesario para facer o percorrido recomendado poden participar tamén mediante inscrición na franxa horaria desexada, ata completar aforo, co itinerario personalizado.

Os menores de idade só poderán permanecer no interior dos centros baixo a responsabilidade dun adulto (máximo 2 nenos/adulto). Os adultos deberán acompañar ós menores de 6 anos en todo momento.

Os tres centros da RCSI están financiados polo Programa de axudas competitivas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia.