Premiado a nivel internacional un traballo do CiTIUS

O equipo de investigadores galegos foi recoñecido polas súas innovadoras achegas científicas na fusión de dúas técnicas de Intelixencia artificial (IA).

A Asociación Internacional para os Sistemas Difusos (IFSA, polas súas siglas en inglés) vén de conceder un dos tres premios internacionais IFSA Journal Best Paper Award a un traballo desenvolvido integramente no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), no que os científicos do centro compostelán abordan o papel das descricións lingüísticas de datos na construción de sistemas de xeración de linguaxe natural.

Segundo o investigador Alberto Bugarín, que onte recollía o premio en Praga, «nesta liña de traballo integramos dúas áreas científicas que, ata hai moi pouco, eran practicamente unhas completas descoñecidas entre si: a comunidade de Intelixencia Computacional e a de Xeración de Linguaxe Natural».

Precisamente dentro desta última atópase a disciplina Datos a texto (‘Data to text’ ou ‘D2T’), na que os científicos do CiTIUS levan tempo traballando; entre os seus exemplos de aplicación figura a ferramenta GaliWeather: un sistema de ‘tradución automática’ de modelos numéricos a texto que desde hai anos está integrado na páxina web de Meteogalicia, o servizo público de información meteorolóxica da comunidade galega.

Os responsables da IFSA (unha federación de asociacións formada por 16 sociedades científicas mundiais do ámbito da intelixencia computacional) concederon o premio en recoñecemento ao desenvolvemento deste traballo para facilitar a interacción entre investigadores en Xeración de Linguaxe Natural e Intelixencia Computacional, moi especialmente no eido da Lóxica Borrosa en sistemas de conversión de datos a texto. 

O tema foi tamén obxecto principal de estudo na tese do primeiro autor do artigo, Alejandro Ramos, que recibiu tamén numerosos premios nos últimos anos; entre outros, o Best PhD Award a nivel europeo e o Premio Nacional de Investigación SCIE - Fundación BBVA

Referencias

A. Ramos-Soto, A. Bugarín, S. Barro

On the role of linguistic descriptions of data in the building of natural language generation systems

Fuzzy Sets and Systems, Volume 285,2016, Pages 31-51 https://doi.org/10.1016/j.fss.2015.06.019