A publicación científica ‘IEEE Access’ nomea editor asociado ao investigador do CiTIUS Tomás Fernández Pena

O IEEE recoñece por segunda vez ao investigador adscrito ao centro como editor asociado dunha das súas revistas, tras nomealo editor de ‘ Transactions on Computers ’ a finais de 2016.

Investigador do CiTIUS, profesor titular no Departamento de Electrónica e Computación da USC e, dende agora, editor asociado de dúas revistas científicas de alcance mundial. ‘IEEE Access’, a revista open  access do Instituto de Enxeñería Eléctrica e Electrónica (Institute of Electrical and Electronics Engineers) nomea a Tomás Fernández Pena como novo editor asociado.

O científico adscrito ao centro suma así un novo cargo neste organismo internacional con sede en Nova York, co que xa colabora desde 2016 tralo seu nomeamento inicial como editor da revista ‘Transactions on Computers ’.

A publicación, cun índice de impacto de 4.098  no último JCR (Journal Citation Reports) está incluída no primeiro cuartil de revistas indexadas en tres categorías: "Computer science, Information systems", Engineering, Electrical & Electronic e Telecommunications.

Ademais das tarefas regulares que lle serán encomendadas como novo editor, o traballo de Tomás F. Pena na nova revista consistirá tamén en propoñer cada ano ata un máximo de tres «seccións especiais», que deberán estar centradas nalgunha temática concreta e contar cun grupo de editores convidados de diferentes países. O novo editor asociado de IEEE Access, que non ocultaba a súa satisfacción polo nomeamento, aludía a estas Special Sections lanzando unha luva aos seus colegas de centro: «se alguén do CiTIUS achega algunha proposta, sería estupendo».