Senén Barro, Premio Nacional de Informática SCIE – Fundación BBVA 2020

O director científico do CiTIUS da USC obtén o prestixioso galardón ‘José García Santesmases’ en recoñecemento á súa traxectoria profesional, «polas súas achegas de gran calidade ao campo da intelixencia artificial e á transferencia do coñecemento».

Premio Nacional de Informática: o director científico do CiTIUS, Senén Barro, foi galardoado cun do tres Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA 2020 fallados este martes polo xurado da cuarta edición, reunido por videoconferencia.

Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial (IA) na Universidade de Santiago de Compostela (USC), obtivo o Premio José García Santesmases «polas súas achegas de gran calidade á investigación no campo da IA, así como á transferencia do coñecemento». O xurado valorou a súa traxectoria en ámbalas dúas áreas, destacando que «non só posúe un brillante currículo investigador, senón que tamén foi fundador dun grupo de investigación de referencia e de startups tecnolóxicas». O fallo conclúe así mesmo que «as súas contribucións á promoción do emprendemento innovador e á divulgación científica son recoñecidas internacionalmente»; «ten sido tamén un promotor moi activo dos estudos da Informática desde os diferentes cargos relevantes que ostentou», engade. O premio recibe o nome dun dos pioneiros da Informática en España, que realizou ademais os primeiros computadores hispanos.

Honrado e feliz

«Agradezo e celebro moito esta distinción, polo seu prestixio e por tratarse dun premio que se concede pola importancia da investigación e a transferencia dos seus resultados, no meu caso no ámbito da intelixencia artificial». O director científico do CiTIUS compartía a súa satisfacción por figurar entre os galardoados da edición 2020: «a importancia dun premio vén dada tamén por aqueles que o recibiron antes, e todos os anteriores premiados son persoas de excepcional valía, a cuxa altura científica espero corresponder», afirma Senén Barro. «É un premio que honra tamén á Universidade de Santiago de Compostela e servirá para dar unha maior visibilidade e protagonismo ao CiTIUS, o centro de investigación en Tecnoloxías Intelixentes que dirixo, e isto faime especialmente feliz».

Distincións de prestixio que miran cara ao CiTIUS

A cuarta edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA  recoñece desde xeito por primeira vez a un investigador do CiTIUS nunha das súas dúas modalidades: os Premios Nacionais de Informática; unha categoría destinada a recoñecer o labor de investigadores e entidades públicas e privadas na área da Informática que dedicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.

Con todo, esta é a segunda ocasión na que un científico do centro aparece entre os premiados: no ano 2017, o investigador Alejandro Ramos (actualmente en etapa postdoctoral no CiTIUS), foi recoñecido como un dos seis doutores premiados en toda España na categoría Investigadores Mozos Informáticos, destinada a distinguir traballos de tese innovadores e relevantes. O Premio Nacional de Informática concedido a Senén Barro suma a así un novo recoñecemento de prestixio ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS).