Troco na dirección adxunta do CiTIUS: a investigadora Paula López Martínez sucede no cargo a Paulo Félix Lamas

A científica, adscrita ao CiTIUS desde a súa creación e profesora titular da USC, lidera a participación da institución no proxecto europeo ‘MENELAOS_NT’, unha das dúas redes H2020 European Training Networks (ETNs) obtidas polo Centro en 2019

Paula López, doutora en Física e investigadora adscrita ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago), vén de ser designada oficialmente nova directora adxunta. Deste xeito, a científica acompañará no liderado do Centro ao catedrático da USC Senén Barro, designado como director científico en maio de 2019.

O nomeamento prodúcese tras unha década de crecemento e consolidación do CiTIUS encabezada polo investigador Paulo Félix, primeiro como director comisario (2010-2019) e máis tarde como director adxunto, trala creación fai tan só uns meses da figura da dirección científica (2019-2020). O propio Senén Barro quixo mostrar expresamente a súa gratitude ao afirmar que «a título persoal, e en nome do CiTIUS, quero transmitirlle a Paulo o recoñecemento e agradecemento infinitos pola súa dedicación, e polo acerto co que conduciu o noso centro desde a súa orixe ata o centro de referencia en tecnoloxías intelixentes que hoxe somos».

Durante o mandato de Paulo Félix, o CiTIUS evolucionou desde unha semente inicial que integraba distintas liñas de investigación distribuídas pola USC, ata converterse nun centro de investigación competitivo a nivel internacional, recoñecido pola industria e cunha excelente proxección cara ao futuro (como acreditan os novos proxectos europeos obtidos nas últimas convocatorias, os numerosos proxectos con empresas, ou o substancial incremento no seu financiamento público trala resolución da recente convocatoria de axudas a centros de investigación concedidas pola Xunta de Galicia).

Nova dirección, renovada estratexia

A nova directora adxunta do CiTIUS valorou tamén como «excepcional» o traballo desenvolvido polo seu predecesor. «Espero facer unha xestión digna da herdanza recibida, é un luxo partir da situación actual ante un escenario de tanta responsabilidade», indica Paula López.

Unha das primeiras accións que se porán en marcha tras este nomeamento será a publicación nos vindeiros días do novo Plan Estratéxico do CiTIUS para o período 2020-2023. Un documento no que se recollen as accións chave para favorecer que o centro siga medrando: «levar a cabo a nova planificación estratéxica será sen dúbida un reto que afronto con moita ilusión», afirma Paula López. «O Centro leva facendo as cousas ben desde os seus inicios, os recentes e moi importantes logros no ámbito internacional son unha boa mostra diso». Aínda así, asegura que «lonxe de relaxarmos isto estimúlanos a facer máis, e facelo mellor». «Como centro de investigación especializado en tecnoloxías intelixentes, temos unha responsabilidade engadida coa nosa contorna, dado o carácter transversal e profundamente transformador destas tecnoloxías», conclúe.

Extensa traxectoria

Paula López recibiu o título de doutora en Física pola USC en 2003. Tras realizar unha estancia posdoutoral no Instituto Fraunhofer de Circuítos Integrados en Erlangen (Alemaña) regresou a España para continuar a súa carreira investigadora e docente, sendo na actualidade profesora titular na USC. O seu traballo céntrase no modelado e caracterización de dispositivos microelectrónicos e o deseño de circuítos integrados, unha liña na que na actualidade lidera a participación da USC no proxecto Marie Skłodowska-Curie Innovative Training Network (ITN) MENELAOS_NT, desenvolvido ao amparo do programa europeo H2020.