Visitas

Unha das nosas inquietudes é a mellora da divulgación científica, mostrando como a actividade científica contribúe ó desenvolvemento económico e social do noso contorno. É por isto que, ó longo de todo o ano, recibimos a visita de grupos de estudantes de colexios, institutos e tamén de asociacións, interesados en coñecer a investigación que realizamos no CiTIUS.

Con isto perseguimos dous obxectivos principais:

  • Estimular entre os mozos novas vocacións, non só dende o interese polas novas tecnoloxías, senón tamén pola creatividade e o enxeño.
  • Dar a coñecer á sociedade a actividade científica do noso centro, explicando a utilidade dos nosos resultados.

As visitas guiadas inclúen demostracións interactivas das liñas de investigación do CiTIUS, adaptadas á idade dos nosos visitantes. Os estudantes poderán coñecer as nosas instalacións e visitar os nosos laboratorios. Durante a visita poderán descubrir:

  • A Nao, o noso pequeno robot humanoide.
  • Como se orientan os robots para desprazarse.
  • Visualización de moléculas e órganos humanos en 3D co noso sistema de realidade virtual.
  • Como funciona o Kinect e para que o usamos en investigación.
  • Para que se empregan os chips de visión artificial.
  • Como é un Centro de Procesado de Datos (CPD) por dentro.

Tamén organizamos pequenas unidades didácticas en colaboración cos profesores dos centros visitantes, co obxectivo de complementar e reforzar o que os alumnos aprenderon durante as clases. Se estás interesado en coñecernos, non dubides en contactar con nós.