Sistema de detección de gasterópodos terrestres

Sistema de detección de gasterópodos terrestres

Os moluscos terrestres, tales como os caracois e as babosas, afectan en gran maneira aos cultivos intensivos. De acordo con algúns estudos levados a cabo no Reino Unido, as pragas de caracois representan o terceiro problema dos cultivos de cereais, ocasionando unhas perdas estimadas de entre 10.000 e 17.000 Tn/ano. No caso da pataca, estímase que estas pragas producen perdas aproximadas de 50.000 Tn/ano.

Aínda que existen unha gran variedade de pesticidas que eliminan os moluscos terrestres, resulta desexable reducir o seu uso por motivos ecolóxicos, de saúde e de custe. Por outra parte, o uso de pesticidas vese cada vez mais negativamente por unha poboación interesada no consumo de produtos ecolóxicos.

Tendo en conta estes feitos, resulta relevante procurar mecanismos para a detección temperá de moluscos terrestres e a redución do uso de pesticidas.

Vantaxes

  • Monitorización en tempo real de pragas en cultivos
  • Redución do mantemento dos sistemas de detección
  • Redución do uso de pesticidas
  • Solución de baixo custo

Aplicacións

  • Detección de gasterópodos terrestres

Descrición

Sistema de detección de gasterópodos terrestres

O sistema de detección de gasterópodos terrestres ten en conta os seguintes aspectos:

  • Os moluscos terrestres son animais de sangre fría que teñen a mesma temperatura co medio
  • Estes animais tenden a refuxiarse en lugares seguros
  • Os sistemas de detección deben ser capaces de cubrir áreas amplas

O sistema desenvolvido componse dun conxunto de diodos emisores de luz (LED) que emiten radiación na banda infravermella, un conxunto de fotodiodos sensibles á radiación infravermella, un sistema de comunicación sen fíos e un microprocesador que controla todo o sistema. O sensor está situado nunha trampa deseñada para dar refuxio aos moluscos terrestres.

Os LEDs emiten radiación que se reflicte nas paredes do refuxio onde o sensor está montado, captando o fotodiodo a radiación reflectida. O nivel de radiación reflectido é constante dentro do refuxio. Sen embargo, se un molusco entra no refuxio, causa un incremento da cantidade de radiación reflectida o cal é considerado evidencia da presenza do molusco.

O sistema de detección pode ser replicado de forma sinxela para cubrir áreas amplas. Comunicase por medio de tecnoloxía sen fíos cunha estación base que recolle as alarmas producidas polos sensores. Foi deseñado para minimizar o consumo de potencia co obxectivo de reducir o mantemento do sistema.

Información

Programas científicos