SOS-SM: Mediación semántica de fontes de datos de sensores

SOS-SM: Mediación semántica de fontes de datos de sensores

A cantidade de datos de tipo medioambiental producidos por sensores que son xerados cada día está a medrar de forma exponencial. Distintos organismos teñen responsabilidades na monitorización e control de moitos parámetros ambientais que inflúen directamente na nosa calidade de vida, incluíndo, estado da atmosfera e do océano, calidade do aire, calidade da auga, etc. Todos estes datos deben de ser postos a disposición dos seus potenciais usuarios a través de servizos que implementen interfaces estandarizadas, tal e como recolle a directiva europea INSPIRE.

SOS-SM é unha ferramenta que facilita o desenvolvemento de servizos de publicación de observacións de sensores. Permite a integración de distintas fontes de datos de observación dentro dun único servizo que implementa a interface estándar SOS (Sensor Observation Service) definida polo OGC (Open Geospatial Consortium).

Vantaxes

  • Uso da interface estándar SOS proposta na iniciativa SWE do OGC.
    • Compatible con datos xerados por sensores de todo tipo: locais, remotos, estáticos, móbiles, físicos, virtuais, etc.
    • Consulta de datos mediante criterios espaciais e temporais.
  • Acceso integrado a fontes de datos de sensores heteroxéneas, incluíndo bases de datos, arquivos e outros servizos.
    • Facilita a implementación de xerarquías de SOS
  • Reduce o tempo de desenvolvemento de servidores SOS adaptados a arquitectura de información de cada organización.
  • Manexo de información temporal en tempo real

Aplicacións

  • Meteoroloxía
  • Oceanografía
  • Monitorización Ambiental

Descrición

SOS-SM: Mediación semántica de fontes de datos de sensores

Un servizo que implemente a interface SOS debe proporcionar como mínimo tres operacións:

  • A operación GetCapabilities describe o propio servizo. Entre outra información, esta operación proporciona metadatos sobre as Offerings dipoñibles no servizo. Cada Offerings non é máis que un subconxunto das observacións dispoñibles no servizo. Os metadatos de cada Offerings inclúen a súa extensión espacial e temporal, unha listaxe de sensores, unha listaxe de propiedades medidas polos sensores e unha listaxe de obxectos sobre os que se miden esas propiedades.
  • A operación DescribeSensor proporciona unha descrición das características de un sensor concreto en formato estándar SensorML.
  • A operación GetObservation permite a consulta de observacións dentro dunha Offering. A consulta pode facer por criterios espaciais, temporais, por sensores, por propiedades e por obxectos.

Unha organización que se encargue de monitorizar condicións medioambientais terá tipicamente distintos subsistemas que xerarán datos con distintos modelos e formatos. Por exemplo, poderemos atopar bases de datos de estacións meteorolóxicas e oceanográficas, arquivos xerados por sistemas de radares terrestres e sensores de satélites, etc.

A arquitectura de SOSDF permite a publicación a través da interface SOS de forma integrada dos datos dispoñibles nos distintos subsistemas da organización. Cunha simple consulta, un usuario estará accedendo de forma uniforme a todas as fontes de datos de forma transparente. A ferramenta dispón dun modelo de integración que permite ao seu administrador a configuración do enlace entre os conceptos globais publicados (Offerings, Propiedades, Sensores, etc.) e os conceptos respectivos en cada fonte de datos local. Para incorporar unha nova fonte de datos basta con programar o adaptador (Wrapper) correspondente e con actualizar o modelo de integración.

Información