VII Xornada TELGalicia

A rede de investigación galega sobre e-learning RedeTELGalicia celebrará o vindeiro luns 9 de marzo no salón de actos do CiTIUS a VII Edición das Xornadas TELGalicia. O encontro contará coa presenza de Milos Kravcik, investigador da Universidade de Aquisgrán (Alemaña) cunha longa traxectoria e recoñecido prestixio no ámbito da aprendizaxe baseada en novas tecnoloxías. Kravcik será o encargado de inaugurar as xornadas, co seu relatorio «Apoiando a aprendizaxe autorregulado mediante ámbitos de aprendizaxe personalizados».

Posteriormente intervirán Ana Rodríguez Groba, da Universidade de Santiago, e os representantes da Universidade de Vigo Mario Manso Vázquez e Manuel Caeiro-Rodríguez, que achegarán visións complementarias para alimentar o debate sobre a aprendizaxe regulada, tanto dende o punto de vista social como organizativo ou tecnolóxico.

A xornada completarase coa presentación do portal Edu-AREA, un espazo aberto con recursos e plans destinado ao colectivo docente que dá soporte a licenzas Creative Commons e manexo de indicadores curriculares. Finalmente, expoñeranse as propostas de TELGalicia para o ano 2015.

A organización recorda que o aforamento é limitado. Os interesados en asistir a esta xornada poden enviar un correo electrónico con nome e apelidos a redetelgalicia@gmail.com antes do venres 6 de marzo.