Emprendemento

Dende a súa creación, o CiTIUS realizou un esforzo importante para fomentar o emprendemento entre os seus investigadores. Neste sentido, puxéronse en marcha diferentes iniciativas, dende a organización de actividades de fomento do emprendemento, agrupadas en torno ó ciclo de formación Emprendelab, ata o apoio e asesoramento na creación de Empresas de Base Tecnolóxica (EBT).

Froito deste esforzo, dende a creación do centro xa se puxeron en marcha varias EBT nas que participan investigadores do CiTIUS:

 

Imagames

Imagames foi promovida por tres investigadores do CiTIUS, Manuel Lama, Juan Carlos Vidal e Arturo Casal, que son ademais socios fundadores da mesma.

Imagames é unha empresa orientada ao desenvolvemento de solucións gamificadas en diversos dominios como a formación de empregados e estudantes ou o marketing digital. Imagames comercializa unha das primeiras plataformas de gamificación 3.0 destacando a súa capacidade de personalización para usuarios e grupos de usuarios. A plataforma de Imagames distínguese especialmente por permitir a modificación dos xogos en tempo de execución.

 

EfiSmart

EfiSmart é unha empresa que ofrece solucións de eficiencia enerxética, enerxías renovables e domótica nos sectores residencial e de servizos. O seu obxectivo é maximizar o aforro enerxético e económico dos seus clientes.

EfiSmart foi creada por tres investigadores do CITIUS: Enrique Comesaña, Pablo Otero e Jose Rodríguez. A súa principal actividade é a xestión de proxectos de eficiencia enerxética en edificios. Para iso, están desenvolvendo unha plataforma de xestión enerxética a través da cal automatizan as instalacións (e.g. climatización, iluminación, etc.) de forma que potencian o aforro enerxético á vez que aumentan o nivel de confort. Ademais, dispoñen dunha tenda online de aforro enerxético na que se poden atopar produtos relacionados con eficiencia enerxética, enerxías renovables e domótica.

 

Situm

Situm nace da man de tres antigos investigadores do CITIUS, Cristina Gamallo, Adrián Canedo e Víctor Álvarez. Trátase dunha startup e spin off da Universidade de Santiago de Compostela, que se dedica ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización en interiores. Partindo de que os sistemas de localización tradicional -os GPS- non funcionan baixo teito, Situm crea unha tecnoloxía multisensorial de localización e navegación que permite localizar un dispositivo (smartphone ou wearable) nunha gran superficie.

Cunha ampla gama de posibilidades, algúns exemplos do que ofrece esta tecnoloxía van dende a navegación e localización dun produto nun hipermercado, ata a creación dunha ruta personalizada, na que obtés información adicional, nun museo. Cabe destacar que se trata dunha tecnoloxía cun gran compoñente social, xa que as súas interfaces están adaptadas para discapacidades visuais e inclúe audioguías.

 

Ubiplay Mobile

Ubiplay Mobile, creada en 2011, nace no contexto da web 2.0, a masificación no uso de smartphones e as novas formas de interacción, que cambiaron as regras do xogo na comunicación marca-cliente.

A empresa, creada polo investigador do CiTIUS Fernando Sánchez Vilas, xunto con Rodrigo Lago, antigo investigador do centro, baséase na investigación desenvolvida na súa etapa de formación no CiTIUS, partindo de catro pilares clave: a gamificación, a xeolocalización, as redes sociais e unha adecuada política de retribucións para desenvolver campañas de street marketing para dispositivos móbiles que o usuario poida consumir de forma divertida a través do seu dispositivo móbil. Como resultado da súa participación, o cliente obtén premios interactuando co seu contorno, coa propia marca e cos seus amigos a través das redes sociais. Todo isto facilita unha mellor e máis profunda experiencia de marca.

 

Cilenis

Cilenis xurdiu a partir da liña de investigación ProLNat@GE, coordinada por Pablo Gamallo, investigador do CiTIUS. O seu obxectivo era a creación de aplicacións avanzadas baseadas no coñecemento e no know-how dos seus anos de investigación. Cilenis iniciou a súa actividade en 2011 como Spin-off universitaria cunha cualificación de IEBT (Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica) concedida pola Xunta de Galicia. Ese mesmo ano, Cilenis gañou o Primeiro Premio como Proxecto Empresarial Innovador. En 2012, o analista económico e empresario Marc Vidal, coa súa empresa IDODI Labs, converteuse en socio de Cilenis. A spin-off desenvolveu a súa actividade ata decembro do ano 2015.